76 postos participan na XIV Feira Rural de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño pechou o prazo de solicitude de espazos expositivos e de venda para a 14 Feira Rural que se celebra este sábado 26.

En total recibiu 76 peticións, na súa maioría para postos agroalimentarios e de artesanía, aínda que tamén haberá un número importante de puntos de venda de artigos de segunda man, ademais de representación dos viveiros de planta e horta da zona e unha firma dedicada á maquinaria.

O listado pode consultarse nesa ligazón, onde tamén figuran os metros reservados e os horarios de entrada no recinto da Cortiña. No momento de acceder á feira, todos os postos inscritos deberán presentar o resgardo bancario do pagamento da taxa. 

Tralas edicións de 2021 e 2022, marcadas pola pandemia, a Feira Rural semella recobrar o seu pulso habitual, con 15 inscricións máis có ano pasado e  21por riba das rexistradas hai dous. Ao peche do prazo para apuntarse, o Concello rexistrou un total de 76 peticións: 20 para a venda de produto agroalimentario, 31 de artesanía, 16 para postos que venden artigos de segunda man, 3 correspondentes a segunda man combinada con artesanía, 3 solicitudes de viveiros de planta e flor, 1 posto de maquinaria e outros 2 correspondentes a entidades sen fins de lucro que acudirán ao evento para dar a coñecer as súas actividades.

Tal e como se recollía nas normas de participación, o Concello mantivo aberto até onte luns o período para solicitar sitio na feira. O listado publicouse este mediodía pode consultarse aquí aínda que cabe a posibilidade de que mañá chegue algunha solicitude máis no caso de que se enviase en prazo por correo postal. O número tamén podería variar se houbese algunha alegación ao listado, que se elevará a definitivo o xoves 24.

A superficie máxima que poderán ocupar os postos, segundo o que solicitasen, serán 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo; 15€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo.

As cantidade que toque en cada caso deberá pagarse presencialmente no Concello ata o mediodía deste venres mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta  ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural 2023” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado será necesario presentar o resgardo do pagamento.

Os postos deberán ir entrando no recinto á hora que teñan asignada no listado de inscricións publicado hoxe, co obxectivo de que a montaxe sexa o máis áxil posible e de evitar aglomeracións de vehículos nos sendeiros, aos que xa non se poderá acceder para descargar material despois das 10:15h.

Se se cumpren as previsións doutros anos, a feira estará completamente armada sobre as 10:30 horas e lista para recibir a habitual afluencia de público, máis elevada entre as 12 e as 14:00h aínda que cara a media tarde adoita volver repuntar, sobre todo nos intres previos á clausura.

Atendendo á lista de inscricións,  Feira Rural chega á 14ª edición con moita variedade de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man, ademais de contar con venda de pequena maquinaria -cortacéspedes, rozadoiras de man e forestais, etc.-, flor e planta.

 

Ademais haberá máis cousas nun programa ininterrompido que arrancará pouco despois das 10 da mañá e que se prolongará ata pasadas as 8 da tarde: visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos (con prácticas de poda e enxertado), obradoiros de papaventos para a rapazada, o regreso dos descensos en kaiak polo Xubia, o  concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de vales canxeables no comercio local, música ao vivo con Brassica Rapacirco de rúa con Artefeito e o seu espectáculo Circando… e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.

Para xantar

A feira disporá cun posto de comida, aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A GranxaO Muíño do Pepe, Mesón O Ferrador (San Sadurniño), Parrillada Riboira (en Lamas),  Parrillada María Queira (Igrexafeita) e Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), aínda que convén reservar con tempo de antelación nos que quedan máis preto da feira.

Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o arboreto da Cortiña -o espazo arborado onde se desenvolve a feira-, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).

Máis información
Listado de participantes (.Pdf)
Bases do concurso da froita (.Pdf)
Programa completo

Lea también

Ortigueira celebra el 50 aniversario del CEIP José María Lage

Así, se homenajeó la historia y el papel educativo del centro en la localidad, en …