O festival pecha este lúns a súa sétima edición sumando á familia do Jazz de Ría a localidade de Valdoviño cunha programación integrada por un roteiro e tres concertos pensados para para os impresionantes escenarios naturais deste tramo final do Atlántico galego, que será unha vez máis o cabeza de cartel.
A programación desta última xornada comezará pola tarde co roteiro ‘Balcóns ao Atlántico’ que percorrerá a partir das sete da tarde o tramo de costa comprendido entre San Xiao e a Praia do Baleo con dúas paradas musicais a cargo de dous grandes valores da comarca: no miradoiro de San Xiao atoparemos ao saxofonista Fausto Escrigas; e no miradoiro do Oural estará agardando a enerxía da baterista Lorena Cachito.
O roteiro finalizará na Praia do Baleo onde sobre as 21:30 se celebrá o concerto no que a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta «But Life Is Beauty Full», un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival.
A directora do Jazz de Ría, Aitana Cuétara, apunta que a incorporación de Valdoviño responde “á vocación que ten este festival de ampliar territorio e público para achegar a música jazz ás veciñas e veciños da comarca con propostas capaces de facer gozar a amantes do xénero e tamén a persoas que se achegan a este tipo de música por primeira vez”.