Presentación en Ares da novela «A madriña» de Nones Araújo

Este sábado 19 de agosto a escritora Nones Araújo presenta a súa novela «A madriña» gañadora da I Edición do Premio de Novela Curta «Alén» do Concello de Ares. O evento, dentro da programación do VI Ares Indiano, terá lugar ás 19:30 h na Alianza Aresana.

A escritora nada en Riós e afincada en Vigo, estará acompañada por Alma B. Ferro, concelleira de Cultura, Deportes, Mocidade e Patrimonio do Concello de Ares e Laura Rodríguez Herrera, directora da editorial Hércules de Ediciones.

A novela premiada, titulada “A Madriña», foi elixida por unanimidade polo xurado, composto pola profesora adhonorem da Universidade de Santiago, Branca Roig Rechou, a profesora da Universidade de Vigo, Mª del Mar Fernández Vázquez, e a directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez Herrera. O xurado destacou a calidade literaria e a profundidade temática da obra. O premio ascende aos 2.000 euros e a publicación da obra.

«A Madriña» relata en primeira persoa a vida da protagonista, quen lembra a súa historia a partir das consecuencias da emigración familiar. As citas iniciais de cada capítulo,a riqueza do léxico empregado, o ton e ritmo do relato, as oracións sentenciosas e os dobres sentidos, así como o manexo das referencias culturais son algunhas das características resaltadas. Tamén o uso dunha linguaxe que respecta as diferenzas de xénero e a habilidade da autora para plasmar os trazos dos personaxes e ambientes.

A I Edición do Premio de Novela Curta»Alén» fora presentada na Alianza Aresana, emblemático símbolo da pegada indiana no municipio, por Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones.

Durante a presentación Rodríguez destacara: «A importancia deste premio literario para achegar aos lectores e lectoras historias sobre a nosa emigración e tamén para descubrir novos talentos na literatura en lingua galega».

Sobre a escritora:

Nones Araujo (Riós, 1953) é unha mestra e escritora galega. Exerceu como docente de clase de Lingua nos anos 70 na segunda etapa de E.X.B.en Vigo e nos últimos anos ata a súa xubilación no IES Alexandre Bóveda de Vigo.

Valéndose da súa afición pola escritura, participou en certames literarios, nos que recibiu diversos premios como o premio Modesto R. Figueirido de narración breve convocado pola Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Silleda pola súa obra Paseniño… a desmemoria.

Sobre Hércules Edicións

Hércules de Ediciones é unha editorial galega con sede na Coruña, fundada en 1985 por Francisco Rodríguez Iglesias. Desde entón, destacou por promover a cultura galega a través de obras de divulgación rigorosas e de calidade. Baixo a dirección de Laura Rodríguez Herrera, a editorial independente ampliou o seu alcance, publicando obras contemporáneas, literatura infantil e xuvenil, todo iso cun enfoque no feminismo, a diversidade e a divulgación cultural.

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …