Os menores saharauis que participan no programa “Vacacións en paz” visitaron este mércores xunto coas súas familias de acollida as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, no polígono de Río do Pozo.
A concelleira de Benestar Social do Concello de Narón, María Lorenzo, e Maite Martínez, da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, acompañáronos durante esta actividade, impulsada dende o Concello e na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os profesionais deste servizo e o material co que traballan.
Os menores saharauís atenderon as explicacións teóricas e prácticas que lles ofreceron os bombeiros do SPEIS e, a maiores, tiveron a oportunidade de probar os cascos que utilizan, subirse a un dos camións e preguntar todo o que consideraron oportuno sobre o seu traballo.
O Concello colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui neste programa, no que se incluirá ademais este ano outra actividade, unha visita ás instalacións do Club de Remo, na Gándara, o vindeiro mércores. Dende o pasado mes de xullo e ata comezos de setembro as nenas e nenos saharauís permanecerán coas familias de acollida, antes de regresar de novo aos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia.