Espectáculo de iluminación e música na nova edición de «Noite no Mosteiro» de Narón

A concelleira de Turismo do Concello de Narón, Natalia Hermida, informou este xoves da celebración dunha nova edición do evento “Noite no mosteiro”, organizado polo Concello e que se celebrará este sábado, día 15, no mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto). A cita inclúe un espectáculo de iluminación artística interior e exterior do cenobio e música sacra no interior a partir das 22.30 horas.

Hermida explicou que os concertos terán unha duración aproximada de vinte minutos cada un e avanzou que a capacidade do recinto é limitada. Os concertos, con entrada libre, sucederanse ata as 01.00 horas e haberá un descanso entre eles para proceder á renovación do aforo.

Esta convocatoria permitirá desfrutar dun dos elementos patrimoniais propiedade da igrexa e localizados na cidade de maior relevancia, un mosteiro declarado Ben de Interese Cultural –e que supón un destacado recurso turístico do Camiño Inglés ao seu paso por Narón”, subliñou a concelleira responsable da área.

A edil de Turismo animou á cidadanía a desfrutar desta xornada “nun entorno inmellorable para celebrar este evento, ao que cada ano se achegan numerosas persoas da cidade e tamén procedentes doutros concellos”.

Lea también

Apertura en Narón do novo Complexo das Piscinas de Verán do Couto

Os abonos mensuais pódense adquirir desde este mércores nas oficinas do Padroado de Deportes en …