O Padroado da Cultura de Narón organiza o «XXXII Festival internacional de folclore»

A cidade acolle o vindeiro sábado, día 15, a XXXII edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Concello de Narón que se celebra a partir das 21.00 horas no parque de Freixeiro (en caso de choiva será no Pazo da Cultura).

Nesta convocatoria actuarán, tal e como indicou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón, o conxunto de danza folclórica Veselin Maslesa, Banja Luka (Bosnia e Hercegovina), o grupo folclórico de Cantantes e Balhados da Relva (Illas Azores) e a Asociación de danzas folclóricas Paca Briceño (Cádiz).

O Grupo de música e baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, está integrado por bailadores de entre 15 e 30 anos, que comparten o interese pola recuperación das tradicións culturais galegas. O grupo constituíuse no ano 1986 con persoas de diversas escolas de baile tradicional do Padroado con obxectivos, entre outros, como a posta en valor do folclore e costumes de Galicia.

A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura parte da Escola Municipal de Gaita, no ano 1982 e tres anos máis tarde, en 1987, inicia o seu traballo coa renovación de gran parte da súa formación orixinal. Está integrada por 45 intérpretes de diferentes idades e aposta tamén por salvaguardar e difundir a música tradicional galega.

En canto ao grupo Veselin Maslesa, de Bosnia e Hercegovina, fundouse no ano 1948 como unha organización de voluntarios preocupados pola cultura popular tradicional e a arte popular que, ao longo dos anos, desenvolveu outras formas de actividades culturais e artísticas.

Estará tamén en Narón o grupo folclórico de Cantares e Balhados da Relva, de Illas Azores, creado na Freguesía da Relva no ano 1976 como Grupo Xuvenil Relvense e encamiñado ás áreas do deporte e a cultura. Na actualidade é Organismo de Utilidade Pública e Membro da Federación do Folclore Portugués, entre outros.

A cuarta formación presente neste evento, será a Asociación de Danzas Folclóricas de Cádiz Paca Briceño, constituída en 1992 con membros procedentes doutras agrupacións de danzas da capital gaditana e mozas e mozos vencellados ao mundo do folclore.

En 2004 pasa a adquirir o seu actual nome, antes era a Asociación de Danza Folclóricas Cidade de Cádiz e está integrada por unhas 40 persoas.

Ferreiro destacou que “este festival, de acceso libre, é un dos eventos culturais máis consolidados na cidade, cun marcado carácter internacional que nos permite seguir apostando por conservar e difundir as nosas tradicións culturais e tamén coñecer as doutras comunidades e países, o que supón sempre un enriquecemento”

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura animou á cidadanía a asistir a esta convocatoria.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …