O parque de Freixeiro acolle unha nova edición do Mercado Medieval de Narón

 
O parque de Freixeiro acollerá esta semana, do xoves 13 ao domingo 16, incluídos, unha nova edición do Mercado Medieval de Narón.
 
Así o anunciou a concelleira de Feiras, Mar Gómez, que presentou este luns 10 o evento, que contará cun centenar de postos de venda de diferentes produtos artesáns, gastronómicos e tamén de locais nos que poder degustar diferentes manxares propios destas celebracións.
 
Gómez avanzou que o Mercado Medieval abrirá as súas portas este xoves ás 18.00 horas, e sobre as 18.30 abrirá o campamento medieval e tamén o recuncho infantil para os nenos e nenas, con diferentes xogos de mesa, e a escola de cabaleiros. Na xornada do venres os postos de artesáns e vendedores reabrirán pola mañá, ás 11.00 horas e ás 11.30 o recuncho infantil e o campamento medieval.
 
Ao longo da mañá, a partir das 12.30 horas, o trasno Froilán amenizará a visita aos nenos e nenas e ao mediodía, ás 14.00 horas, poderase visitar a zona de restauración e probar os manxares que se prepararán na zona. Xa pola tarde, ás 18.00 horas reabrirán os postos e media hora máis tarde o recuncho infantil e o campamento medieval. A programación continuará sobre as 19.00 horas cun gran pasarrúas de inauguración, no que participarán todas as compañías, músicos, personaxes fantásticos, acróbatas, zancudos, matasáns e outros personaxes que durante a fin de semana estarán no Mercado Medieval.
 
A música dos redobres dos tambores chegará a partir das 20.15 ao parque de Freixeiro, onde tamén estarán A Tróupele de Luisete, personaxes fantásticos en zancos repartindo sorrisos con Teatro Infinito, e as formacións Human no Limits, Turdión, a maxia de Baom, o peregrino Gandulf, elfos e outros personaxes que visitarán o mercado. Ás 23.00 horas dará comezo un espectacular pasarrúas de peche con Malverok, o gran dragón, e no que non faltarán a pirotecnia, o lume e as gaitas e tambores de Treefolk.
 
O sábado 15 retomarase a programación ás 11.00 horas e tamén estarán operativos o campamento medieval e o recuncho infantil. Os personaxes de Humans no Limits, Faustus o fauno, a música de Treefolk, os monicreques de Teatro infinito e a música de Turdión, así como o sabio druida Morazimer, animarán a xornada matinal, xunto cos pasacalles e a presencia doutros personaxes. Pola tarde haberá ás 18.00 reabrirá o mercado e as diferentes propostas de teatro, música, personaxes fantásticos e zancudos sucederanse dende as 18.45 ata as 23.15 horas, momento do que comezará un gran pasacalle de peche de xornada con Malverock, o gran dragón, para rematar cun espectáculo aéreo de fume, pirotecnia e acrobacias.
 
Finalmente, o domingo haberá tamén programación no Mercado Medieval en horario de mañá e tarde. Dende as 11.00 horas que reabirá, para iniciar as propostas teatrais ás 12.00 e ás 12.15 a música e os paseos de personaxes fantásticos, circo a partir das 13.45… Pola tarde o parque de Freixeiro acollerá as últimas propostas desta edición a partir das 18.00 horas, con monicreques, música, visita de personaxes fantásticos… e un gran pasacalle ás 22.30 horas para pechar esta cita con Malverok, o gran dragón, Luisete, Alimaña, Turdión, Treefolk e Teatro Infinito e un espectáculo de lume, pirotecnia e acrobacias.
 
A maiores, os nenos poderán subirse a atraccións infantís, como unha noria, unha torre medieval, unha barca e un carrusel que se instalarán no parque de Freixeiro. Así mesmo, poderán aprender da man de Regino, o mestre seteiro, a nobre arte da arquería e desfrutar de diferentes xogos de mesa, tal e como avanzou Gómez.
 
A concelleira de Feiras animou á cidadanía “a achegarse esta semana ao Mercado Medieval de Narón, con múltiples propostas para persoas de todas as idades, que terán a oportunidade de gozar un ano máis desta cita nun espazo privilexiado da nosa cidade”.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …