A praza da Gándara en Narón acolle o Entroido de verán organizado pola ASCM e o Concello

A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou xunto a Noemi González, técnico da Asociación Sociocultural ASCM, o Entroido de Verán. Unha convocatoria que se programou para o luns 21, no centro cívico social da Gándara  e que está aberta á cidadanía en xeral, á que se anima a acudir disfrazada e participar activamente en todas as actividades do programa.

Unha das novidades deste ano, tal e como indicou González, é que se incluíu un apartado gastronómico, cun xantar popular a base de polbo, chourizos, liscos… que dará comezo ás 13:00 horas no propio centro cívico da Gándara.

Os tickets poderán adquirirse ese mesmo día na citada localización. Xa pola tarde se retomará a programación ás 18:00 cun pintacaras e ás 18:30 horas haberá unha concentración de disfraces. As persoas participantes poderán saír nun pasarrúas polo barrio ás 19:30 horas, con remate previsto para as 20:30 horas.

A maiores, tamén haberá un apartado musical, a cargo de Batukin, dende as 19:00 horas no centro cívico social da Gándara. A concelleira de Festas, Mar Gómez, felicitou á Asociación Cultural ASCM por manter esta convocatoria un ano máis na tempada estival e recalcou o feito de que se trata “dunha proposta inclusiva e con carácter interxeracional, pensada para desfrutar dunha xornada de Entroido no verán, animando de novo as rúas da cidade, neste caso do barrio da Gándara”

Lea también

Luz verde da Xunta para a construcción de 91 vivendas de promoción pública en Xuvia, Narón

O Goberno galego deulle este luns. día 1 de setembro, o seu visto e prace …