Este xoves comenza en Narón unha nova edición do ciclo “Cine de Verán”

 
O Padroado da Cultura, en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza unha nova edición do ciclo “Cine de Verán”. A programación deste ano contempla un total de seis proxeccións, todas elas de balde, en diferentes ubicacións da zona urbana e rural, sempre a partir das 22.30 horas.
 
A primeira cita, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, será este xoves, día 6, no centro cívico social de Sedes, onde se poderá ver “Unicorn Wars”. Os irmáns Azulín e Gordi, xunto a un grupo de reclutas, teñen que acudir a unha misión para salvar o Bosque máxico, cuxa seguridade está ameazada e que se restablecerá trala loita entre o exército osito e os unicornios.
 
A segunda proxección será este mesmo venres, na pista polideportiva de San Xiao, co filme “Space Jam nuevas leyendas”. LeBron James, unha superestrela da NBA únese a Bugs Bunny e outros personaxes dos Looney Tunes para enfrontarse nunha cancha de baloncesto contra os Goons nun desafío moi importante que servirá para transformar o vínculo entre un pai e o seu fillo.
 
Fot. arch.
 
A vindeira semana poderase ver o mércores 12 “A galiña turuleca”, na Praza da Gándara, e o venres 14 “Los demonios de barro”, no centro cívico social do Val. No primeiro caso o público poderá desfrutar das aventuras dunha galiña moi singular, e de cuxo aspecto se burla o resto do galiñeiro, pero que tras ir a vivir a unha granxa descubrirá que pode falar e cantar dun xeito moi peculiar.
 
No caso de “Los demonios de barro” a protagonista da historia é Rosa, unha profesional moi valorada no sector empresarial e que trala morte do seu avó ten un ataque de estrés que lle fará replantearse a súa vida, abandoando a cidade na que vivía para ir na procura dos recordos da súa infancia, moi vencellada ao seu avó.
 
As últimas proxeccións de “Cine de verán” serán os días 20 e 21 de xullo, cos filmes “Trolls 2” na rúa Francisco Pizarro (A Solaina) e “Spirit indomable”, na praza do colexio de Xuvia. “Trolls 2” é a historia de Poppy e Branch, dous aventureiros que se percatan que existen varias tribus de trolls a maiores da súa e que están relacionadas cada unha cun estilo musical.
 
Así mesmo, “Spirit indomable” amosará a vida de Lucky Prescott, cuha vida que cambiará radicalmente cando deixa de vivir na cidade para irse a un pequeno pobo fronteirizo no que se fará moi amigo dun cabalo salvaxe, Spirit. “A través deste ciclo de cine descentralizamos novamente a oferta cultural na cidade, levando a sétima arte a espazos públicos da zona urbana e rural nunha proposta dirixida ós nenos e as súas familias”, recalcou Ferreiro.

Lea también

El Club de Baile Deportivo Narón realiza una exhibición en la Plaza de Eventos de Odeón este sábado

El Club de Baile Deportivo Narón junto a la Escuela de Baile Tedaga, realizarán este …