O Concello de As Pontes presenta o programa das «Festas do Carme e a Fraga 2023»

O Concello das Pontes presentou este lúns, o programa de actividades das Festas do Carme e a Fraga 2023, no que se integran máis dunha trintena de propostas.

As actividades comezarán o día 12 de xullo coa inauguración da exposición de fotografías de creación colectiva de fotógrafos e fotógrafas pontesas e do Grupo Poético Alalá, “Unha foto un poema”, que estará instalada, ata o 30 de xullo, no valado do colexio Santa María. A continuación, ás 20:30 horas, diante da Casa Consistorial, a Rondalla Vila das Pontes ofrecerá un concerto xunto co alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes.

O venres, 14 de xullo, ás 20:30 horas darán comezo, de xeito oficial, as festas patronais coa lectura do pregón, tamén diante da Casa Consistorial, a cargo da Asociación Amigos da Madeira das Pontes e, a continuación a veciñanza e público asistente poderán gozar cunha actuación musical. A partir das 22:00 horas, no Canal IV, Los Secretos ofrecerán un concerto no que farán un percorrido polos temas máis emblemáticos do grupo como son “Déjame” “Pero a tu lado” ou “La calle del olvido” así como cancións máis recentes cos que pretenden ser un crisol de emocións no que a xente poida sentirse identificada. Ao remate da súa actuación, na Praza do Carme, será a quenda para a verbena, da man da Orquesta Marbella e o Grupo Assia.

O sábado, ás actividades comezarán, ás 12:00 horas, co pasacalle dos grupos de música tradicional Canavella e No Cómbaro, e á mesma hora, no Parque Municipal haberá un concerto da Banda Cultural e Recreativa das Pontes que dará paso, a partir das 13:30 horas, á sesión vermú amenizada polo grupo Trasnos, na Praza do Carme.

A novena e misa en honra á Virxe do Carme dará comezo ás 20:30 horas na Capela do Carme, e a continuación, sobre ás 21:30 horas, a veciñanza poderá participar na tradicional procesión nocturna á igrexa de Santa María, co acompañamento da Banda Cultural e Recreativa das Pontes e da Banda de Gaitas da Escola Municipal das Pontes. Coincidindo co descanso da procesión, na Praza do Hospital actuará a Agrupación Coral As Pontes e haberá un espectáculo piro-musical en honra á Virxe do Carme. A continuación, a partir das 23:00 horas, regresará a verbena á Praza do Carme coa actuación das orquestras París de Noia e Capitol e, ao igual que en anos anteriores, ao finalizar a verbena procederase á elaboración da alfombra floral.

O domingo, 16 de xullo, os actos festivos comezarán, ás 12:00 horas, co pasacalle dos grupos Canavella e Os Trevillas. A esa mesma hora terá lugar a solemne celebración da eucaristía, na igrexa parroquial de Santa María, cantada pola Agrupación Coral As Pontes, e a continuación comezará a procesión de subida da Virxe do Carme, co acompañamento das Banda de Música Cultural e Recreativa das Pontes e do grupo de música tradicional Canavella para, seguidamente, realizar a ofrenda floral. A partir das 14:00 horas, a Praza do Carme acollerá unha sesión vermú a cargo da orquestra Magos e , xa pola noite, a partir das 22:00 horas, será a queda para a orquestra La Misión e para los Coleguitas.

O luns, 17 de xullo, haberá pasacalle, ás 11:30 horas, da man dos grupos No Cómbaro e Canavella e a Praza do Carme volverá acoller unha nova sesión vermú, amenizada polo Trío  Jaque. Xa pola tarde, a partir das 20:00 horas, a veciñanza poderá presenciar unha nova edición do Festival Folclórico Internacional que achegará ás persoas asistentes á cultura, á danza e á música doutros continentes. A xornada finalizará coa verbena, a partir das 22:00 horas, na Praza do Carme, a cargo das orquestras Satélites e Olympus.

Este ano, como novidade, o Concello das Pontes pon en marcha a iniciativa “Noites do Carme”, que se desenvolverá na Praza do Carme, entre os días 18 e 22 de xullo, ás 21:30 horas, e que permitirá a veciñanza gozar de catro espectáculos musicais:

O primeiro deles celebrarase o martes, 18 de xullo e será “Recordando a Nino Bravo”, a cargo Serafín Zubiri e a Banda do Conservatorio de Música Profesional das Pontes. O mércores celebrarase o I Festival de Acordeóns das Pontes que contará coa presenza de Os lóstregos (A Estrada), acompañados por Carlota Rozados, Albino Bustelo e Marietta e no que tamén participará o grupo de acordeóns da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes.
O xoves será a quenda para o espectáculo musical “Camiñantes e Cantantes» da Orquestra Ocaband no que, seguindo as rutas do Camiño de Santiago, farán un percorrido pola música galega, os seus autores e intérpretes . O venres tomará o relevo a Banda Recreativa e Cultural Vila das Pontes e a Escola Municipal de Gaita, que ofrecerán un concerto conxunto e xa o sábado, 22 de xullo, a veciñanza poderá gozar coa música rock da man de Galifunk BrassVereda, Tregua e Turbo Kracks.

Ao igual que en anos anteriores, para os máis pequenos e pequenas da vila, a Biblioteca Municipal Rivera Rouco sairá á rúa coa iniciativa Parque Activo coa que ofrecerá, de sábado a mércores, de 11:30 a a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas unha proposta de ocio alternativo para os nenos e nenas que se queiran achegar ata os xardíns do Parque Municipal. Entre as propostas que achegarán a poboación máis moza destacan os espectáculos C@nto contigo de Paco Nogueiras (15 de xullo), Peque Disco de Moc Moc (16 de xullo), O Show de Fifo de Troula Animación (18 de xullo) Bolboreta de A feira das linguas (19 de xullo), todos eles ás 18:30 horas no Parque Municipal. Así mesmo, os días 19 e 20 de xullo, ás 22:00 horas, haberá cine ao libre no patio do colexio Santa María, onde se proxectarán os filmes Valentina e Space Jam 2.

FESTA DA FRAGA
As actividades programadas para a Festa da Fraga comezarán o día 24 de xullo, ás 12:00 horas cun pasacalle a cargo dos grupos tradicionais No Cómbaro e Os Trevillas e, a partir das 19:30 horas botará a andar o Festival Folk que, este ano, contará coas actuacións de Nimbos, Caamaño & Ameixeiras, Xosé Lois Romero & Aliboria, Lamatumbá e A Quinkillada.

O martes, 25 de xullo, a Romaría da Fraga comezará as 13:00 horas coa misa de Santiago Apóstolo, na Capela do Carme e ás 13:30 horas trasladarase á Fraga para dar comezo a sesión vermú amenizada por Louband. Durante a tarde, a partir das 18:00 horas, na carballeira actuarán os grupos Batukada Latexo e Brassica Rapa. A xornada rematará coa actuación de Grupo Origen a partir das 22:00 horas.

Lea también

As Pontes retoma a campaña “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”, polo 25N

O Concello das Pontes dálle continuidade á campaña de sensibilización “Non as fagas invisibles. AFINA …