Trala constitución da nova Corporación municipal, froito das eleccións municipais do pasado 28 de maio, o Goberno local de Fene, co alcalde Juventino J. Trigo Rey ao fronte, vén de dar a coñecer a distribución das áreas de goberno para o mandato 2023-27, que se repartiron do seguinte xeito: Manuel Polo Gundín (BNG) estará ao fronte de Urbanismo, Vivenda e Obras; Justo Martínez Ardá (BNG) será o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente; Alejandra Permuy Meizoso (BNG) será a de Benestar Social, Servizos, Persoal, Seguridade e Participación Veciñal; Formación e Emprego e o servizo de Radio municipal
corresponderán á concelleira Cristina García Moroño (BNG); e Facenda e Patrimonio e Promoción Económica a Ma de los Ángeles Coira López (BNG); como nova incorporación ao Goberno municipal de Fene, o concelleiro Adán Chao Pardo (BNG) estará ao fronte de Xuventude e Deportes; e Igualdade e Ensino corresponderán á Ma Carmen Martínez Rodríguez (EU). Dito reparto, especificado na Resolución de Alcaldía 665 do 29.06.23, xa é efectivo desde ese mesmo día, aínda que se publicará no BOP e se dará conta do mesmo no primeiro Pleno da Corporación que se celebre.
Membros da xunta de goberno local
Por outro lado, por Resolución da Alcaldía núm. 656 do 28 de xuño do 2023 acordouse nomear membros da Xunta de Goberno Local do Concello de Fene ós seguintes concelleiros e concelleiras: Alejandra Permuy Meizoso, Manuel Polo Gundín, María Carmen Martínez Rodríguez, Justo Martínez Ardá e Ma de los Ángeles Coira López.
As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local terán lugar todos os xoves ás 9.00 h en primeira convocatoria e unha hora máis tarde en segunda convocatoria.
Asemade, noméase Tenentes de alcalde, pola orde que de seguido se indica, ós/ás seguintes concelleiros/as membros da Xunta de Goberno Local:
– 1a Tenente de alcalde: Alejandra Permuy Meizoso
– 2o Tenente de alcalde: Manuel Polo Gundín
– 3a Tenente de alcalde: María Carmen Martínez Rodríguez
– 4o Tenente de alcalde: Justo Martínez Ardá
– 5a Tenente de alcalde: Ma de los Ángeles Coira López
Corresponderá aos/ás nomeados/as substituir ao alcalde, pola orde sinala, nos casos legalmente establecidos.
Áreas de goberno
En canto ás áreas de goberno local establecidas, que foron obxecto dunha delegación xenérica (especificada no primeiro parágrafo desta información), cómpre sinalar as de:
I Desenvolvemento territorial e do medio. Esta área comprende as seguintes subáreas:
Urbanismo e vivenda: comprenderá a xestión das competencias municipais sobre ordenación do territorio e urbanismo, relativas a plans e instrumentos de
ordenación urbanística (incluída a súa redacción), xestión urbanística, expropiacións por razóns do urbanismo, políticas municipais de dotación do solo para vivendas sociais, promoción de vivendas sociais, disciplina urbanística, licenzas, comunicacións previas e demais autorizacións.
Obras: comprenderá a preparación e xestión da planificación das obras municipais.
Servizos: comprende a xestión dos servicios básicos municipais, ciclo da auga, recollida de residuos, cemiterio municipal, limpeza de vías públicas e infraestruturas urbanas(mobiliario urbano, redes de servizos…..), mantemento e conservación de parques, xardíns, zonas verdes, mantemento de edificios e instalacións municipais e o control e seguimento das obras de xestión directa.
Medio ambiente: comprenderá a xestión de políticas municipais do medio ambiente, praias, ríos e ribeiras, deseño de novos espazos públicos, control de
pragas, servizo de lacería, promoción da educación ambiental (redución do lixo, recollida selectiva, compostaxe…) e o Punto limpo.
Corresponderá a esta subárea aquelas materiais que se poidan considerar de forma xenérica incluídas nesta área e non estean atribuídas especificamente ás outras subáreas.
II Dinamización do Emprego, Seguridade e Participación veciñal. Esta área comprende as seguintes subáreas:
Persoal: comprende a xestión dos recursos humanos, organización e réxime interior do concello, métodos de traballo, relacións cos representantes dos
traballadores e arquivo municipal, así como a xestión e coordinación da contratación pública e dos procesos de licitación municipal.
Formación e emprego: comprende as políticas municipais que garden relación coa promoción do emprego, inserción laboral, formación ocupacional e escolas obradoiros.
Seguridade: comprende a xestión da seguridade cidadá, control e ordenación do tráfico en vías urbanas, protección civil e policía local. Licenzas e Rexistro de animais perigosos.
Participación veciñal: comprende a xestión do Consello de Participación Cidadá, o seu funcionamento e dinamización; a dinamización da páxina web, radio municipal, adaptación administrativa e impulso do uso das novas tecnoloxías; posta en marcha da OMIC; implementación de medidas de transparencia na xestión municipal.
III Dinamización Económica:
Facenda e Patrimonio: comprende a xestión económica do concello, seguimento e control de investimentos, preparación dos orzamentos, xestión tributaria e recadación, política fiscal, preparación das ordenanzas fiscais, estatística e patrimonio municipal (inventario de bens, dereitos e obrigas; administración e
defensa do patrimonio municipal, expropiación forzosa non urbanística).
Promoción económica: comprende as políticas municipais de dinamización e potenciación da vida económica local, industria, turismo e promoción dos valores turísticos do concello; relacións cos axentes locais na procura de políticas integrais de desenvolvemento e fomento de actividades económicas, promoción das novas tecnoloxías, promoción do comercio e xestión da mellora dos servizos municipais en favor da eficiencia enerxética e na utilización dos recursos públicos; feiras, mercados, abastos, lonxas e comercio ambulante; dinamización do Polígono industrial de Vilar do Colo e xestións con SEPES nesta materia.
IV Dinaminación social. Esta área comprende as seguintes subáreas:
Benestar Social: comprende as políticas municipais de prestación de servizos asistenciais aos cidadáns, atencións ás situacións de marxinación e exclusión social, medidas de integración social, atención á terceira idade e as escolas infantís.
Igualdade: políticas de igualdade, política de inmigración, muller e conciliación da vida laboral e familiar, menores, atención ao maltrato familiar e programas de educación familiar
Cultura: comprende a xestión e programación das políticas municipais da cultura e das instalacións culturais municipais, así como a normalización lingüística.
Asociacionismo.
Xuventude: comprende a dinamización da OMIX e a xestión de políticas dirixidas á xuventude no eido do tempo libre e ocio.
Deportes: comprende a xestión e programación das políticas deportivas municipais. Instalacións deportivas.
Ensino: comprende a xestión e programación das relacións cos centros e coa comunidade educativa, o mantemento das instalacións educativas que sexan da competencia do concello e demais competencias municipais no eido da educación, agás as escolas infantís que estarán incluídas na subárea de Benestar social.