Os emigrantes de Ferrol-Juan Vicente Matínez Quelle

O polifacético escritor e periodista Juan Vicente Martínez Quelle naceu en Ferrol o 26 de xaneiro de 1875. Tras ingresar na Armada, formou parte da dotación da corbeta “Nautilus”, o primeiro buque español que visitou Cuba tras alcanzar a súa independencia, arribando en xuño de 1908 ao porto de La Habana, onde tivo lugar a deserción de Martínez Quelle.

Instalado na capital cubana, comezou a súa carreira de periodista, integrándose na tertulia do café habaneiro “La Puerta del Sol”, na que, entre outros, participaban Ramón Cabanillas, Vilar Ponte, Roberto Blanco Torres e Joaquín de Arévalo. Comezou a traballar como redactor da revista “Airiños da miña terra” desde o seu primeiro número do 10 de maio de 1909, á vez que era nomeado o primeiro delegado en Cuba da Internacional do Idioma Esperanto, mentres daba clases do citado idioma.

Desde entón Martínez Quelle desenvolveu unha una intensa actividade periodística e cultural, comezando unha abundante serie de colaboracións cos medios de comunicación da illa cubana, entre os que se contaban as revistas “Suevia”, “Triunfo”, “Pro-Galicia” e “La Alborada”, e os diarios “Cuba” e “La Nación”, ao tempo que publicaba una serie de contos na revista “El Industrial”.

En decembro de 1912 o escritor ferrolán fundou “Labor Galega”, unha revista bilingüe ilustrada, órgano dos galegos en Cuba e defensora dos intereses galegos, que no seu momento reportou abundantes fondos para axudar á fundación do Real Coro Toxos e Froles.
Xunto ao propio director colaboraron na revista coñecidos escritores galegos como Ramón Cabanillas, Eugenio Carré, Sofía Casanova, Eduardo Pondal, Emiliano Balás, Matías Usero, Joaquín de Arévalo e Amor Soto, corresponsal en Ferrol, e ademais dos pintores Máximo Ramos e Vicente Díaz. O último número de “Labor Galega” publicouse en febreiro de 1917.


O ano 1921 Martínez Quelle foi un dos fundadores do Ateneo Hispano Americano. O ano 1922 comezou a dirixir o semanario ilustrado “España”, de carácter informativo e literario. O ano 1925 asumiu a dirección da colección popular “La Novela” e o ano 1927 fundou e foi o primeiro director da revista mensual “Ultra”. Juan V. Martínez Quelle foi igualmente colaborador do “Boletín de Ferrol y su comarca”, empregando para escribir no mencionado boletín e nas anteriores publicacións os pseudónimos de Kelle, Marquell e Bachiller Vimarque.

O ano 1924 o poeta ferrolán foi incluído, xunto cos principais poetas cubanos do momento, na antoloxía poética de José María Uncal “Los Argonautas” co seu poema en galego Novas liras. Destacou tamén como letrista de cancións, sendo autor da letra do cuplé Ki…Ki…Rí…!Ki, con música de José Guede, publicado en xullo de 1930 na revista “Bohemia”.

Outro dos seus traballos máis coñecidos foi a tradución ao idioma castelán da narración de Alfonso R. Castelao Un ollo de vidrio, incluído en “El Diario de la Marina”.
Dentro dos seus variados traballos e afeccións, como anécdota pódese citar que o ano 1930, en medio dun gran despregue publicitario, deu a coñecer o seu invento “La Baraja Nacional Cubana”.

Despois de sufrir un curto aínda que pouco explicado internamento nun hospital psiquiátrico de La Habana, una instalación sanitaria de triste recordo coñecida popularmente como La Mazorra, o escritor ferrolán puido retornar a súas actividades periodísticas e literariar.

O ano 1929 Martínez Quelle publicou en La Habana un libro de memorias titulado De mis viajes, subtitulado Relatos anecdóticos y descriptivos. Na publicación, prologada por René Velarde, inclúe unha serie de crónicas de seus viaxes polo norte e o centro de Europa no buque escola “Nautilus”, así como outros relatos de diferentes temas.


Juan Vicente Martínez Quelle regresou o ano 1935 a Ferrol, militando no Partido Radical Republicano Socialista. En Ferrol foi redactor do periódico “El Correo Gallego” e apoiou a fundación da revista “Labor Gallega” na súa primeira época ferrolá, iniciada en Maio dese mesmo ano 1935. Faleceu na súa cidade natal en agosto de 1942.

A historia e vida de Juan Vicente Martínez Quelle foron tratadas polo historiador ferrolán Guillermo Llorca na súa obra Ferroláns en Cuba e o escritor cubano Jorge Domingo Cuadriello no seu Diccionario bio-bibliográfico de escritores españoles en Cuba. O ano 1996, bautizouse co seu nome a Hemeroteca Martínez Quelle pertencente ao Real Coro Toxos e Froles, situada na rúa do Sol de Ferrol.

De especial interese para Ferrol foi a fundación por parte de Martínez Quelle da revista de periodicidade variable “Labor Gallega”, que editouse en La Habana desde a finais de 1912 ata comezos de 1917. Tratouse dunha publicación independente e defensora dos intereses galegos, que nos seus dous primeiros anos de vida se presentaba como “Órgano de las Sociedades Gallegas de Instrucción”, unhas entidades que traballaron de forma importante na construción de escolas en numerosos lugares de Galicia.
Na revista, de interese artístico e literario,colaboraron coñecidos escritores galegos, publicando poemas, narracións históricas e relatos de viaxe, xunto con ilustracións e fotografías de Galicia, sendo una sección fixa da publicación a titulada “Ferrol y su comarca”. A revista de Martínez Quelle obtivo importantes axudas para a fundación do coro ferrolán Toxos e Froles, recollendo nun amplo reportaxe o debut da formación artística o 29 de maio de 1915, acompañado dunha completa información gráfica.
A revista “Labor Gallega” tivo logo dúas novas etapas de publicación: o ano 1935 o Real Coro Toxos e Froles, presidido por Carmelo González, refunda en Ferrol “Labor Galega”, editado de forma irregular ata o ano 1940. O ano 1992 o Real Coro volveu a publicar “Labor Galego”, tamén editada de forma irregular.

 

Lea también

El alcalde de Cerdido se interesa ante la Xunta por la mejora del servicio de recogida residuos voluminosos

La conselleira de Medio Ambiente y Cambio Climático, Ángeles Vázquez, y el alcalde de Cerdido, …