A alcaldesa en funcións da cidade, Marián Ferreiro, remitiu unha comunicación ás consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; á Dirección xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (dependente da Consellería de Medio Rural); á delegación da Xunta en Ferrol e á delegación do Goberno en Galicia, así como á Asociación de Veciños “Os Irmandiños” do Val, para que designen ás persoas que formarán parte da comisión que se acordou constituír no pleno de maio para abordar a problemática derivada da proliferación de moscas no Val.
Unha vez que se designe aos representantes, entre os que tamén haberá un de cada grupo representado na corporación local, procederase a fixar unha data para manter a primeira xuntanza, co fin de axilizar, entre todas as administracións, a erradicación deste grave problema que padecen os veciños desta parroquia da cidade.
A constitución da citada comisión permitirá coordinar os traballos e as xestións que nos últimos anos se levaron a cabo dende o goberno local coas diferentes administracións e organismos para tratar de atopar o foco do que proceden as moscas e así proceder a erradicar este problema.
A alcaldesa lamentou o feito de que “aos poucos días de enviar a comunicación, dende a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias xa se desmarcaran da mesma, alegando que xa descartaron que a orixe desta situación sexan as explotacións gandeiras ou a xestión das dexeccións dos seus animais”.
Ferreiro incidiu en que “a falta de coñecer o foco de onde proceden as moscas, considero que deberiamos traballar conxuntamente todas as administracións co fin de axudar ós veciños, que son os que día a día continúan a padecer un problema do que descoñecemos a orixe e no que toda axuda é precisa nestes momentos”