A serea das Mirandas

José Fonte Sardiña

As sereas, ben sabido é, son uns seres mitolóxicos que teñen o corpo, sempre espido, dunha muller fermosa, con longos cabelos, decote louros, e a cola dun peixe no canto das pernas. Levan un espello e un peite e viven en palacios de cristal cheos de riquezas debaixo do mar.

Ademais, atraen os mariñeiros coa súa voz, sedúcennos e fannos afogar. Xa na “Odisea”, Homero, no seu canto XII, conta como Ulises, por consello de Circe, se librou, amarrándose ao mastro do seu barco, do feitizo do canto das sereas, que facía que os navegantes, ao escoitalo, se tirasen ao mar (Homero: “La Odisea”, www.planetalibro.com.ar, p. 93 e 95) (Ilustración de Sandra Sarmiento Viña).

Contan en Pontedeume que, nas profundidades mariñas da ría de Ares, vive desde haimoitos séculos a serea das Mirandas, chamada así porque preto daquelas penas ten o seu fogar, aínda que se move por todo o golfo Ártabro e seica nalgunha noite de lúa chea se achega ata a ponte de pedra eumesa para gozar da fermosura da vila, con moito coidado de que non a vexa ninguén (Foto de Carmen Rodríguez Pena).

A serea das Mirandas adoita xogar cos golfiños e acercarse aos polbos, chocos, nécoras, camaróns, robalizas, sardiñas ou fanecas que se moven polo golfo Ártabro, pero ben sabe que o que nunca pode facer é achegarse onda os seres humanos porque, se desen con ela, xa non a deixarían en paz (Foto de Chuspi Veiga Amado).

Algunhas noites de ardentía, en agosto, cando o mar brilla de tal xeito que, ao remexelo, semella que arden as augas, moitos rapaces acoden ás praias ou ás pequenas calas da ríade Ares para se bañaren á luz das estrelas. Unha desas noites de verán, nos últimos anos do século XIII, un fidalgo da liñaxe dos Mariño, mentres nadaba na praia de Centroña, sorprendeu á serea sentada nunha rocha. Quedou tan impresionado pola súa beleza que lle pediu que volvese ao día seguinte.

Talvez era descendente do cabaleiro Roldán ―ao que consideraban morto na mítica batalla librada polo exército de Carlomagno en Roncesvalles― e a serea Mariña ―que recuperara a fala na noite de san Xoán―. Roldán e Mariña casaran e tiveran fillos na illa de Sálvora, segundo contan as lendas, e deran orixe no século IX á estirpe dos Mariño.

A serea de Sálvora

O fidalgo non tiña acougo sen ela e rogoulle que fose vivir onda el. Así o fixo a serea das Mirandas, e o cabaleiro dos Mariño, con mimo, delicadeza e paciencia, foille quitando unha a unha as escamas da súa cola ata que quedaron ao descuberto dúas fermosas e longas pernas de muller (Ilustracións de Sandra Sarmiento Viña).

Os dous namorados casaron, tiveron descendencia e foron moi felices xuntos. Gustaban de pasar longas tardes na praia de Centroña, onde se viran por primeira vez, e así contemplar as penas do Mourón e das Mirandas, ben pretiño das que ela tivera o seu antigo fogar.

Praia de Centroña

Cando seu home morreu, a serea abandonou a vida en terra, pois os fillos do matrimonio xa eran maiores e marcharan fóra, e volveu ás augas salgadas da nosa ría de Ares, ao fermoso palacio que tiña debaixo do mar, preto das illas Mirandas.

Serea Sandra Sarmiento

Non se deixou ver máis por ser humano ningún, aínda que algún vello mariñeiro conta que certas noites de ardentía escoitou arrepiado, na silandeira soidade do golfo Ártabro, a máis fermosa e doce canción de amor que viña do fondo do mar e era entoada pola marabillosa voz da malpocada serea, talvez en lembranza daquela noite na que coñecera o seu namorado (Foto de Lola Fornos Ríos).

Solpor na ría de Ares

Seica en Mugardos, no peirao da vila dúas veces real, o fidalgo dos Mariño mandara facer unha casa na que viviu coa serea das Mirandas e, na fachada, que aínda hoxe se mantén en pé, fixo labrar o seu escudo de armas, no que incorporou, debaixo dos seus cuarteis, a figura dunha serea nadando sobre as ondas do mar, cun peixe agarrado na man esquerda e outro choutando ao seu carón á dereita.

Serea de Mugardos

No paseo marítimo da vila de Ares, desde o ano 2022, contempla a ría a figura da serea das Mirandas, realizada en bronce por Miguel Couto en lembranza da mítica lenda.

Serea de Ares

Sempre que de neno pasaba preto das Mirandas no “Cariña de Rosa”, o noso caiuco, non podía deixar de pensar se nas súas profundidades seguiría a vivir aquela serea da lenda que tantas veces me contaran.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …