Alumnado do IES As Telleiras representou para un centenar de escolares a adaptación do conto «Moucho e Cuquiña»

Alumnado de primeiro curso da ESO do IES As Telleiras representou a pasada semana na biblioteca do centro unha adaptación do libro “Moucho e Cuquiña”, unha publicación editada polo Concello de Narón da que é autora Paula Merlán e con ilustracións de Antonio Seijas.

Os escolares actuaron ante un centenar de nenas e nenos de primeiro curso de Primaria dos colexios Ponte de Xuvia, Virxe do Mar e A Solaina, tal e como recordou o concelleiro en funcións de Seguridade Cidadá, Román Romero, que avanzou que se elixiron eses tres centros “por ser nos que estudaron as rapazas e rapaces que actúan na obra”.

A representación tivo unha duración aproximada de vinte minutos e tivo unha excelente acollida. O policía Moucho e a bruxa Cuquiña son os protagonistas de varias aventuras que vivirán no seu día a día en Narón e que coñecen os escolares a través da publicación e tamén agora con esta obra teatral. “Os escolares que a representan foron alumnos da asignatura de mobilidade, do programa de Educación Viaria do Concello de Narón, que dende hai varios anos se imparte en centros de ensino da cidade”, apuntou o edil.

Romero avanzou que a partir do vindeiro mes de setembro o alumnado que representa “Moucho e Cuquiña” actuará noutros centros de ensino de Narón para dar a coñecer este conto e tamén a adaptación que realizaron do mesmo. O concelleiro trasladou os parabéns aos escolares e agradeceu o traballo realizado por todas as persoas que fan posible a difusión desta obra, “cun importante contido didáctico adaptado ás idades das nenas e nenos que acuden a vela”.

Lea también

Club Arco Narón obtiene muy buenos resultados en la III jornada de la Liga galega indoor

Gran cosecha de podios para los deportistas de la Escuela Deportiva Municipal de Narón de …