O ciclo de conferencias do Programa de prevención da depresión e mellora da saúde mental impulsado polo Concello de Narón continuará desenvolvéndose este mes de Junio. O concelleiro en funcións de Sanidade, Manuel Ramos, informou que este venres ás 19.30 horas o salón de actos do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros acollerá unha conferencia sobre “Psicoloxía e psiquiatría, diferenzas e traballo conxunto”.
A médica psiquiatra na USM-3 do Hospital Naval, Teresa Velasco, e o psicólogo clínico da USM-3 do mesmo centro sanitario, Ricardo Vázquez, serán nesta ocasión os encargados de falar aos asistentes sobre esa área da saúde mental. O público, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, terá a oportunidade de interactuar realizando as preguntas que considere oportunas sobre a temática a tratar na conferencia.
A seguinte cita do ciclo será o 17 de xuño ás 11.00 horas, tamén no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, e a cargo de Paula Marín, psicóloga, escritora, divulgadora e formadora, ademáis de directora da súa propia clínica. “Saúde mental na actualidade: invalidación, esixencia e positivismo tóxico” é o titulo da conferencia que impartirá no marco deste programa municipal.
“A saúde mental é cousa de todos e todas” é o lema desta iniciativa, á que dende o Concello se anima a participar a toda a cidadanía interesada enabordar este tema da man de recoñecidos profesionais.