Alumnado do IES As Telleiras participou a través do Concello no proxecto Xera coa iniciativa “Froitas e verduras en galego”

A concelleira en funcións de Ensino do Concello de Narón , Mercedes Taibo, desprazouse esta tarde á froitería Claudia, no Centro Comercial Narón, para participar nunha das iniciativas do proxecto Xera, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística de Narón. A través desta iniciativa alumnado de cuarto da ESO do IES As Telleiras desenvolveu durante o actual curso a proposta normalizadora “Froitas e verduras en galego”, cuxos resultados se fixeron públicos esta tarde co deseño que realizaron co nome de froitas e verduras en galego e que se repartiu entre froitarías de Narón en diferentes formatos.

Carmen Gálvez, Claudia Rego, Uxía López, Ayelén Rodríguez, Marcos Vidal, Bianca Mouriz, Blanca Vidal, María Teresa Pacheco, Raúl Villares e Alba Vieito foron os escolares que desenvolveron a citada proposta normalizadora. Os escolares contaron co apoio de Verónica Hermida e Estefanía Mosquera, docentes do IES As Telleiras.

Os carteis, a maiores de na froitaría Claudia, estarán tamén colgados nas restantes que colaboraron co alumnado: Pan de Fruta, Frupan, Claudia Frutas y Verduras, A Tenda de Chelo, Améndoa, Alvariño, Tenreiro e o Covirán do Alto do Castiñeiro. Dende o Concello informouse de que, a maiores, na oficina do Servizo de Normalización Lingüística do Consistorio, no quinto andar, as froitarías e tendas que vendan froita e verdura na cidade poden recoller carteis desta iniciativa e tamén xogos de cartas, no caso de que queiran contar con este material nos seus establecementos para difundilo entre a clientela.

“O obxectivo desta proposta é incrementar a presenza do galego nas froitarías de Narón”, explicou Taibo, indicando que cos carteis se amosan osnomes das froitas e verduras en galego para que a clientela se anime a mercalas utilizando a nosa lingua. A maiores dos carteis, tal e como indicou, tamén se entregaron nos citados establementos xogos de cartas infantís coas froitas e verduras deseñadas polo alumnado para repartir entre a clientela máis nova e achegarlle así recursos infantís en galego ás nenas e nenos para promover o uso desta lingua neste grupo de poboación, factor fundamental para o futuro do idioma.

O proxecto Xera busca aproveitar as propostas normalizadoras que nos achega o alumnado de ESO para incrementar a presenza da lingua galega no municipio, podendo participar neste todos os centros educativos de Narón. Para máis información sobre este proxecto pódese consultar a web do Servizo de Normalización Lingüística de Narón: www.naronengalego.gal, podendo descargar o material do proxecto Xera –carteis, as follas voandeiras, publicacións para Facebook e Instagram e o xogo de cartas- a través do enlace: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#xera.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …