O Pazo da Cultura de Narón acolleu esta noite o acto de peche de campaña de Terra Galega, unha cita á que acudiron numerosas veciñas e veciños da cidade, que arrouparon á candidata da formación, Marián Ferreiro, ante a próxima celebración, este domingo, das eleccións municipais. O acto, no que se proxectaron os vídeos de campaña do partido, comezou coa intervención do coordinador local do partido e integrante da candidatura de Ferreiro, Ibán Santalla, que recalcou que en TEGA “só temos que responder ante vós, porque sodes as nosas e os nosos xefes. Non están na Coruña, na Deputación, en Santiago ou en Madrid e non hai quen dende máis arriba quite ou poña candidatos en función de intereses partidistas que pouco teñen que ver con Narón”.
Santalla pediu o “apoio masivo” da veciñanza para continuar avanzando no futuro da cidade e destacou a figura da candidata de Terra Galega, Marián Ferreiro, á que definiu como “traballadora, dedicada ao cento vinte por cento e sempre cumpridora das responsabilidades que esixe a alcaldía desta cidade” e destacou tamén o programa da formación. A continuación tomou a palabra o secretario xeral do partido na cidade, tamén integrante da candidatura, Guillermo Sánchez Fojo, que arremeteu contra o xeito no que entenden a política outros partidos. Así mesmo, na súa intevención cargou duramente ante a desidia da Xunta e do Goberno central coa cidade, “á que esquecen constantemente nos seus orzamentos”.
No transcurso do acto falou tamén a candidata Natalia Hermida, que recordou os seus inicios na política local, na que leva dezaséis anos como concelleira. Hermida fixo fincapé na súa intervención en tres puntos “a vital importancia das eleccións municipais para o futuro de Narón, o feito de que o proxecto de Terra Galega, que definiu como realizable, coherente e sostible, ao tempo que ambicioso e ilusionante, é o único capaz de continuar coa traxectoria ascendente que leva Narón e, finalmente, que para seguir avanzando a este ritmo ou incluso a máis precisamos dunha maioría absoluta contundente”. Hermida pediu ao público que o domingo vote “experiencia, estabilidade e compomiso, con orgullo de Narón” e ensalzou a figura da candidata de TEGA.
Marián Ferreiro subiu ao escenario do Pazo amosando a súa convicción de que nunhas horas Terra Galega “logrará uns resultados históricos”. Apelou na súa intervención Ferreiro ao “orgullo de Narón, do que somos e do camiño que percorremos ata chegar ata aquí e tamén do que seguiremos construíndo entre todas e todos”. Así mesmo, subliñou que “Narón non precisa algo novo, precisa máis que nunca seguir polo camiño que construímos nós e vós unidos, con determinación, ilusión e esforzo”.
Convencida do prometedor futuro que ten por diante a oitava cidade de Galicia, Ferreiro recalcou que é “unha cidade con calidade de vida, centrada nas persoas, dinámica, moderna, atractiva para empresas e para comercios, que aposta pola humanización dos seus espazos públicos, accesibilidade, eficiencia enerxética…” Trala enumeración a candidata de TEGA asegurou que “somos xa un referente en toda Galicia, é certo, pero no noso ADN está non conformarnos e seguir transformando Narón na cidade que todas e todos queremos”.
Unha cidade cada vez máis humana, un Narón para as persoas, en definitiva, destacou, “queremos un Narón que faga realidade a igualdade de oportunidades para todas as persoas e que non deixe a ninguén atrás”. As persoas, a cultura e o deporte foron tres dos eixos que abordou Ferreiro na súa intervención na que indiciu no feito de que “Narón é o motor económico da comarca, pese a quen lle pese, e queremos que así siga sendo”. Para rematar a súa intervención e pechar a campaña a candidata recordou aos presentes que “cando un pobo está orgulloso de si mesmo resulta imparable, Por iso nós, xuntas e xuntos o 28 de maio seremos imparables”, para a continuación pedir, con orgullo, o voto para Terra Galega.