Narón acollerá a vindeira fin de semana, do 2 ao 4 de xuño, a “XVI Concentración Moteira Cidade de Narón” organizada polo Motoclub Fojeteiros, en colaboración co Concello. No marco deste evento celebrarase tamén a undécima edición das Xornadas de Turismo Activo. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron o evento xunto con José Luis Bouza, presidente do MotoClub Fojeteiros, Ana Belén González, Vanesa e Paquito Galaso, integrantes do citado club local. Centos de persoas reuniranse de novo na cidade con motivo desta convocatoria, na que as motos, a música estarán moi presentes nas tres xornadas.
O venres día 2 de xuño ás 18.00 horas inaugurarase a concentración moteira, abrindo o prazo de inscricións nas comidas e ceas e tamén un mercadillo moteiro e as atraccións infantís que se localizarán no paseo de Xuvia. Ás 21.30 horas haberá unha cea baixo a carpa que se instalará nesa mesma zona con callos á galega e bola doce con queixo e a partir das 22.00 horas actuarán os grupos Keepers, Assia e The Rock Legend.
Na xornada do sábado a programación retomarase ás 9.00 horas, cun almorzo moteiro baixo a carpa e ás 10.00 horas abriranse as inscricións de novo e o mercadillo moteiro. Ás 11.00 horas, no marco das Xornadas de Turismo Activo, levarase a cabo a primeira ruta mototurística desta edición, dende Xuvia ata Cedeira, e os participantes regresarán sobre as 14.00 horas para desfrutar en Xuvia dun xantar a base de empanada galega e paella. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, haberá unha exhibición de trial no paseo de Xuvia, con KAbra Bike Show: Juanda de la Peña e Víctor Palomares e ás 21.00 horas comezará unha churrascada baixo a carpa e ao seu remate entregaranse trofeos aos participantes. Ás 23.30 horas dará comezo o tradicional desfile dos fachos por Narón. Os moteiros sairán do paseo de Xuvia pola estrada de Castela portando candeas que iluminarán ao seu paso o citado vial ata a Ponte das Cabras e de regreso ao paseo de Xuvia. Finalmente, sobre as 00.30 horas terá lugar a Festa Moteira, co DJ Frisco e Marcos Peón.
A convocatoria rematará o domingo, xornada para a que se organizou un almorzo moteiro en Xuvia, ás 10.00 horas, e que continuará ás 11.30 horas cunha ruta mototurística dende Narón a Valdoviño. Ao mediodía, ás 13.00 horas, dará comezo a sesión vermú, con Patry Prados, e ás 14.30 terá lugar o xantar baixo a carpa, cun menú formado por langostinos á prancha e xamón escaldado. Trala comida sortearanse varios agasallos entre os participantes e ás 16.00 horas está previsto o peche desta nova edición da Concentración moteira Cidade de Narón.
Os representantes do MotoClub Fojeteiros agradeceron a colaboración prestada polo Concello e, animaron á cidadanía achegarse e desfrutar desta nova edición do evento. Pola súa parte, Marián Ferreiro incidiu en que se trata “dunha oportunidade única para os amantes do motociclismo para desfrutar do gran ambiente desta concentración e dun completo e variado programa pensado para persoas de diferentes idades”. A rexedora local felicitou ao club local “polo intenso traballo realizado por convertir a Narón cada ano, dende hai xa dezaséis, nun referente do mundo do motor, con esta concurrida concentración”.
Os medios interesados en contactar co MotoClub Fojeteiros poden facelo a través do número de teléfono: 697 269 102.