Narón acolle a xornada “Moito que facer: coidados compartidos” para repensar a corresponsabilidade nos coidados

A asociación de familias monoparentais FAGAMOS quere chamar a atención sobre o reparto desigual das responsabilidades familiares e sobre o papel da comunidade no apoio a quen coida.

O Centro Cívico Social de Chafarís acolle este sábado, 31 de outubro, a xornada “Moito que facer: coidados compartidos”, unha iniciativa da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) que conta coa colaboración do Concello de Narón.

Trátase dunha acción de sensibilización que parte dunha pregunta: que acontecería se tivésemos que facelo todo sempre sen apoio? Con este interrogante, FAGAMOS quere chamar a atención sobre os moitos “quefaceres”, visibles e invisibles, que implica o sostemento diario dunha familia, e sobre a desigual distribución destas responsabilidades entre mulleres e homes.

Segundo explica a asociación, esta realidade adquire unha dimensión particular nas familias monoparentais, nas que unha única persoa adulta, no 80% dos casos unha muller, asume as responsabilidades familiares, domésticas e de conciliación. Desde esta mirada, FAGAMOS propón ampliar o concepto de corresponsabilidade máis alá do reparto de tarefas dentro do propio fogar. “A corresponsabilidade tamén é social: todas e todos podemos contribuír a apoiar a quen coida e a construír comunidades nas que as familias non teñan que afrontar soas todas as responsabilidades”, sinalan desde a entidade.

A iniciativa busca ademais promover modelos de masculinidades igualitarias e corresponsables, que favorezan unha maior implicación dos homes nos coidados e na participación comunitaria.

A xornada dará comezo ás 10.00 horas cun punto de asesoramento aberto á cidadanía, que estará instalado ata as 12.00 horas. Nel, FAGAMOS ofrecerá información sobre corresponsabilidade e sobre o voluntariado na asociación, e atenderá as familias monoparentais, con información sobre recursos e outras cuestións relacionadas coas súas necesidades específicas. Ás 12.00 horas terá lugar unha charla informativa e un faladoiro para reflexionar sobre os usos do tempo, as desigualdades de xénero e a realidade das familias monoparentais.

A participación é gratuíta e de acceso libre.

“Moito que facer: coidados compartidos” forma parte de “Currunchiños de Conciliación”, programa de FAGAMOS que en 2026 recibiu o recoñecemento Medrando Xuntas, na categoría de Maior Impacto Social, e que está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.

 

Lea también

Unha unidade móbil para a doazón de sangue visita Narón este martes 27

O vehículo estará aparcado a carón do Centro de Saúde en horario de mañá e …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.