Representacións teatrais e clases da Escola de Música ao aire libre para rematar o curso Escolar

A Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón desenvolverá dende hoxe ata o 13 de xuño as mostras de fin de curso nas instalacións do auditorio municipal. Así o recordou a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, que avanzou que esta tarde, ás 20.30 horas, representarán “Un pacto con S. Meisner e W. Layton”, da clase de adestramento actoral do curso Practicum. Na xornada de mañá martes será o turno do alumnado de terceiro curso da Escola, concretamente o da asignatura de Teatro físico, que representará “Dinámicas de creación” e o mércores o alumnado de primeiro de Interpretación, con “Guerra de pallasas” e de segundo e terceiro de música e canto, con “O mesón de Thernadier”.

As seguintes propostas serán o mes de xuño, concretamente os días 7 e 13, co alumnado de segundo e terceiro de Montaxe, que representará “Dora Maar surrealista” e o do curso Practicum de Teatro musical, con “Terapias alternativas”. En todos os casos as representacións darán comezo ás 20.30 horas e a entrada será de balde.

O final de curso chega tamén á Escola de Música Moderna e esta semana o alumnado dará clases ao aire libre en horario de tarde na Praza da Gándara. Hoxe serán as de Guitarra de iniciación, con Marcos Mella, de 16.00  a 18.00 horas; as de Guitarra de perfeccionamento, de 19.30 a 20.30, tamén con Marcos Mella e as de iniciación de Batería, de 20.30 a 21.30 horas, con Cristóbal Castro, tal e como avanzou o edil de Mocidade, Pablo Mauriz.

O vindeiro xoves, día 25, será o turno do alumnado de perfeccionamento de Piano, de 16.00 a 18.00 horas, e de iniciación de Piano, de 18.00 a 20.00, en ambos casos con Cristina Teijeiro e finalmente o venres 26 a de perfeccionamento de Batería, de 16.00 a 18.00 horas, con Cristóbal Castro.

Dende o Consistorio animouse á cidadanía a acudir a estas convocatorias para coñecer de primeira man o traballo que se realiza tanto na Escola de Formación de Actores e Actrices como na Escola de Música Moderna de Narón, que rematarán en xuño a súa actividade.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …