José Fonte Sardiña
Conta o Padre Placer que no monte Breamo, “arredor da capela hai un campiño de herba fresca e apetecible […]. Alí, baixo o abano dos plátanos e piñeirais, atópanse o sol, o silencio e a música […]. No seu verde tapiz, e cos ollos pechados, todo o ser se troca en fonte de melodías interiores. Hai algo nas alturas do coto que fortifica a alma. Séntese a alegría de vivir. Na paz do Breamo, disólvense as malas ideas. Préganse as alas negras. Desátase o apetito. A voz e a oración fanse rumor […]. Preto do arcanxo, baixo a espada de san Miguel, sábese un máis forte […]. Subir ao cumio do Breamo en días luminosos e claros é gozar dunha visión paradisíaca, de panorámicas sen par” (Tomado e traducido de Gumersindo Placer López: ‘Ascensión al monte Breamo (1972)’, en “Crónicas de mi rincón natal”, A Coruña, 1977, p. 150 e 150).
Así e todo, a paz e o silencio do lugar vense alterados “dúas veces no ano”, consonte di a cantiga de Pepe Fonte, recollida por Pepucho Paz Fernández (Xosé Paz Fernández: “Cancioneiro Popular Eumés”, Pontedeume, 1994, p. 127). Como ben sabe o Padre Placer, “se a subida é o 8 de maio ou o 29 de setembro, romaría e festa do arcanxo san Miguel, daquela, á paisaxe natural debe engadírselle a paisaxe humana, mestura de mariñá e montesía. Son días para gozar do canto litúrxico na santa capela, para cantar as gabanzas da empanada e demais produtos da cociña pontedeumesa, e en nada estará que baixedes sen vos decatar, porque… o viño éche moi fresco no coto” (tomado e traducido de Gumersindo Placer López: ‘Ascensión…’, op. cit., p. 151 e 152).
Así pois, o calendario festivo estival eumés, deixando á marxe as festas típicas que omparte cos demais pobos de Galicia ―Nadal, Entroido, Semana Santa, Maios, Letras Galegas, Folións de San Xoán, Día de Galicia, Defuntos…―, comeza o 8 de maio e remata o 29 de setembro, coa celebración das dúas romarías de San Miguel de Breamo (Foto de Tito Ríos).
En palabras de Ramiro Fonte, “desde o san Miguel de setembro ata o san Miguel de maio, a vila busca un refuxio en si mesma. Como unha dona arrepentida da vida mundana que levou durante o verán, recóllese cedo e mata a curiosidade nos contos de sancristía e de taberna. O mellor que pode pasar é que nunca pase nada […]. Por se non abondase con unha, ofrecémoslle dúas festas ao san Miguel. Abofé que o arcanxo nolo merece” (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, Vigo, 2004, p. 65 e 66).
É ben coñecido que os celtas e outros pobos prerromanos adoitaban construír nos cumios das máis altas montañas ―Breamo vén do celta Brigamo, que significa monte supremo ou moi elevado― monumentos relixiosos, porque alí se sentían máis preto dos deuses. Os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós na moi alta probabilidade de que na cima do Breamo houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico (Isidoro Millán González-Pardo: Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz, A Coruña, 1987, p. 124), onde conta unha lenda, relacionada co rosetón da porta principal, que se lles apareceu o Neno Xesús na Noiteboa daquel ano aos seus primeiros
custodios, once cabaleiros templarios.
Ademais, en moitos destes cumios foron erixidos santuarios coma o noso na honra de san Miguel para lembrar a súa milagrosa aparición no monte Gargano, no sur de Italia, o 8 de maio do ano 490, de aí que os eumeses celebremos unha das romarías nesa data; a do 29 de setembro correspóndese coa festividade dos tres arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael, fixada pola Igrexa.
Alén das dúas tallas do santo que saen en procesión, unha na que vence ao diaño cunha espada ―en maio―, e outra, de vestir, na que o arcanxo, de branco, mata ao demo cunha lanza a xeito de cruz e estandarte ―en setembro―, hai tamén na capela unha imaxe pétrea ―que aínda conserva restos de policromía― de san Miguel coa balanza de pesar as almas, realizada por un obradoiro neomateán de Betanzos a principios do século XV.
Desde que eu teño memoria, a procesión dálle unha volta enteira á capela no sentido contrario ao das agullas do reloxo, ao son que lle marcan as gaitas, o tambor e o bombo, que interpretan a marcha do Antigo Reino de Galicia (Foto de Lola Fornos Ríos).
A festa de San Miguel de Breamo é, desde tempos inmemoriais, unha romaría enxebre e con fondas raíces galegas. Recolle así as ancestrais tradicións, que talvez nos deixasen os vellos ártabros, de venerar a divindade no cumio dun monte, dar as voltas arredor da capela ―tres, sete ou nove, consonte o costume de cadaquén― no sentido contrario ao das agullas do reloxo e poñer o santo coa cruz celta ―que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro―, sempre en lingua galega ―Santo bendito che quite a enfermedá [sic] e che poña a sanidá [sic], polo amor [poder] de Deus e da Virxe María. Un Padrenuestro [sic] e unha Avemaría―.
A romaría dura todo o día. Os maiores, consonte a vella tradición, subimos xa pola mañá, celebramos alí o xantar e continuamos logo a festa. Antigamente, a romaxe remataba coa caída do sol. Así e todo, a cousa cambiou un pouco desde hai uns anos, porque os máis novos toman primeiro os viños na vila, comen polo camiño e chegan ao cumio do monte case co serán, e a festa rachada remata de noite cunha actuación musical a carón da ermida.