Os postos instalados no Mercado ancestral de Pedroso abriron na tarde de onte ao público ás 17.00 horas. As inmediacións do local da Sociedade Cultural A Pombiña, da citada parroquia, acollerán a que é xa a segunda edición deste evento, organizado polo Concello de Narón e a citada entidade.
Unha trintena de postos de venda de diferentes artículos, de alimentación, música e espectáculos centran un amplo programa que se desenvolverá dende o venres e nas xornadas de hoxe sábado e ata o domingo día 21, cando se poderá visitar de 11.00 a 15.00 e dende as 17.00 ata as 23.00 horas, tal e como recordou a concelleira de Feiras e Festas, Natalia Hermida.
Espectáculos acrobáticos, circenses, actuación de faunos, música ancestral e personaxes como minotauros forman parte das propostas que poderán ver pola zona do mercado as persoas que se acheguen esta fin de semana a Pedroso. Ademais, terán a oportunidade de degustar nas tabernas instaladas na zona crepes, bolos preñados e outras propostas culinarias cociñadas para a ocasión.
Entre a oferta de postos tamén haberá outros de venda de produtos doces, churros, alimentos e pan, entre outros, e de venda de artículos de bisutería, roupa, pezas de coiro, xoguetes, etc. Así mesmo, poderanse ver obradoiros de oficios, con profesionais que tallan madeira e mesmo construirán unha gaita dende o inicio do proceso, ensinándollo a todas as persoas que estean interesadas. As nenas e nenos contarán tamén con espacios propios, como atraccións infantís e uns espazos nos que se desenvolverán ao longo da fin desemana varios obradoiros, que non precisan inscrición previa e serán de balde.