A parroquia de Pedroso acolleu na tarde deste venres o acto electoral celebrado por Terra Galega, no que ademais da candidata á reelección como alcaldesa, Marián Ferreiro, participou Pilar Testa, representante da candidatura pola citada parroquia.
Ferreiro repasou parte das actuacións que se levaron a cabo dende o goberno local nos últimos catro anos e avanzou as principais propostas para o vindeiro mandato. Entre as mesmas, tal e como explicou, está a construción dunha gran senda peonil que unirá os paseos da Gándara e Xuvia coa parroquia de Pedroso, “un proxecto que temos xa definido e que suporá un novo atractivo para as veciñas e veciños da parroquia e tamén para todas esas persoas que desfrutan das camiñatas por espazos naturais, ofrecéndolles unha nova senda nesta cidade”, recalcou Ferreiro.
A maiores, Ferreiro avanzou unha importante proposta vencellada ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, que consistirá en incluír no novo documento un incremento da superficie de solo de núcleo rural, agora que o permite a Lei do Solo de Galicia, para que pase de oito a dez millóns de metros cadrados. “Cremos que será unha importante medida á hora de consolidar e atraer máis poboación á zona rural”, asegurou Ferreiro ante as veciñas e veciños que acudiron ao acto.
Así mesmo, a candidata de TEGA incidiu en que continuarán priorizando nos investimentos a atención ás persoas, especialmente colectivos como os maiores, para os que se favorecerá “a construción dunha residencia pública con fondos autonómicos ou provinciais e para a que ofrecemos total colaboración”, recalcou. Tamén se impulsarán obras que permitan avanzar na implantación da rede de saneamento e abastecemento na zona rural. “A falta de axudas doutras adminitracións para a implantación destes servizos, nós continuaremos avanzando para poder levalos a todas as vivendas que carecen do mesmo, habilitando partidas nos orzamentos que nos permitan seguir a liña que mantemos nos últimos anos”, apuntou Ferreiro.
Continuar traballando para reducir a fenda dixital no rural é outra das propostas comprometidas dende TEGA na cidade.
Acto este sábado
O vindeiro acto electoral de Terra Galega na cidade será mañá sábado ás 21.00 horas no local social do Alto do Castiñeiro, onde a candidata, Marián Ferreiro estará acompañada por Mercedes Taibo, Olga Ameneiro e Daniel Casal, entre outros integrantes do seu equipo.