Marián Ferreiro comprometeuse a iniciar os traballos de rehabilitación do muíño das Aceas, en Narón

A candidata de Terra Galega á Alcaldía de Narón, Marián Ferreiro, participou ao mediodía deste domingo no acto electoral programado no local social de Virxe do Mar, e  xa pola tarde no do local social do Couto, acompañada por Rubén López e Olga Ameneiro, respectivamente, así como por outros integrantes da súa candidatura.

Ferreiro anunciou este domingo o segundo dos compromisos do seu programa electoral: iniciar os traballos de rehabilitación do muíño das Aceas.Adquirimos neste mandato o muíño, tras un longo proceso de negociación cos anteriores propietarios, e queremos iniciar no vindeiro mandato a súa rehabilitación”, asegurou. A candidata á reelección por TEGA subliñou “o firme compromiso do noso partido por coidar e manter o noso patrimonio máis valioso, poñendo en valor construcións que marcaron a historia da nosa cidade, ao igual que sucedeu co recentemente rehabilitado muíño de Xuvia”. Ferreiro avanzou que “co fin de que esa rehabilitación poida optar a fondos doutras administracións para iniciar eses traballos e reducir o gasto para as arcas locais, destinando eses fondos a outras actuacións, seguiremos o procedemento levado a cabo para outras importantes actuacións, xestionando subvencións supramunicipais que debe seguir recibindo esta cidade para acometer este tipo de intervencións”.

Así mesmo, a candidata de TEGA explicou que nos vindeiros catro anos se aposta por avanzar na aprobación do PXOM e se continuarán destinando importantes partidas á implantación e renovación de servizos como o abastecemento e saneamento, a eficiencia enerxética e melloras nas liñas de transporte. Nas súas intervencións nas Vivendas da Marina e no Couto tamén realizou un repaso polos proxectos máis importantes que se levaron a cabo na cidade no último mandato, como a piscina ao aire libre do Couto, xa adxudicada, a senda peonil e ciclista de Freixeiro a Xuvia, o novo centro de saúde… “Queremos que Narón continúe sendo un referente dentro e fóra do noso territorio e nesa liña seguimos presentando uns proxectos realistas, que se poden levar a cabo nun concello como o noso, no que mantemos conxelados os impostos dende hai anos e non temos débeda bancaria, o que constata o traballo que realizamos na xestión e a solidez e estabilidade do propio Concello”.

A vindeira cita de campaña de Terra Galega terá lugar mañá luns ás 21.00 horas no local social de Freixeiro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …