Narón volve recibir a Bandeira Verde de Galicia polas súas boas prácticas ambientais

No recoñecemento pesaron proxectos como a senda peonil e ciclista do río Freixeiro ou a recollida de biorresiduos.
 
 
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o xefe de servizos básicos e mantemento do Concello de Narón, desprazáronse este mércores ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, para recoller a Bandeira Verde de Galicia que concede anualmente a Xunta por boas prácticas ambientais.
 
O distintivo entregouno a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nun acto no que se recoñeceu os 39 concellos que obtiveron este selo, entre eles Narón por segundo ano consecutivo. “Esta bandeira vén connosco para casa, e fainos moi felices, porque é froito do traballo de moita xente e de proxectos que a veciñanza de Narón nota no seu día a día”, sinalou Marián Ferreiro.
 
“Para quen nos visita, ver a Bandeira Verde dá unha idea clara do que somos”, dixo Ferreiro, “un concello que coida da súa contorna e que nos obriga a seguir neste camiño”. A candidatura presentada este ano polo Concello de Narón puxo o foco na senda peonil e ciclista do río Freixeiro, un itinerario de 2,2 quilómetros que une barrios e espazos públicos, así como na pacificación do tráfico e a eliminación de barreiras arquitectónicas arredor do CEIP Piñeiros e na Praza do Concello de Xuvia.
 
 
En materia de xestión do lixo, destaca a recollida de biorresiduos, con 52 puntos de achega, e os programas de compostaxe doméstica para vivendas e grandes xeradores. A memoria recolle tamén o mantemento de máis de 400.000 metros cadrados de zonas verdes e a posta en valor da Ruta dos Muíños e do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX).
 
Complétana a mellora da rede de abastecemento de auga, a extensión do alumeado LED e a educación ambiental, cos obradoiros nos colexios e o proxecto Guizo. A Bandeira Verde de Galicia, creada en 2020, distingue os concellos que desenvolven boas prácticas para coidar a contorna, respectar a paisaxe e reducir as emisións e o consumo de enerxía.

Lea también

La fragata ‘Álvaro de Bazán’ finaliza un despliegue de más de cinco meses en el Atlántico y el Pacífico

La fragata ‘Álvaro de Bazán‘ ha llegado en la tarde de este martes a su …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *