O Concello de Ferrol leva a exposición do centenario da editorial Céltiga a oito centros de secundaria

A mostra itinerante que conmemora o centenario da editorial Céltiga (1921-1923), comeza este martes 18 de abril, a súa andaina por varios centros escolares da cidade. A exposición estivo o pasado ano na praza de Armas para que todo o público puidese visitala. Agora achégase aos oito institutos con máis alumnado da cidade co obxectivo de dala a coñecer entre a mocidade e poñer en valor as iniciativas que contribuíron á difusión da lingua galega desde Ferrol.

A mostra componse de diferentes estruturas que imitan madeira, con texto e fotografías de natureza didáctica e documental, que pretenden dar a coñecer a editorial e a súa labor, así como recordar a memoria dos seus fundadores e o significado que este proxecto tivo na época.

A exposición estará unha semana en cada centro: ata o 24 de abril no IES Concepción Arenal; do 24 de abril ata o 3 de maio no IES Sofía Casanova; do 3 ao 10 de maio no CPR Compañía de María; do 10 ao 18 de maio no IES Saturnino Montojo; do 10 ao 25 de maio no IES Canido; do 25 de maio ao 1 de xuño no CPR Tirso de Molina; do 1 ao 8 de xuño no CPR Sagrado Corazón; e do 8 ao 15 de xuño no IES Ferrol Vello.

Céltiga naceu en Ferrol en 1921, da man de importantes membros das Irmandades da Fala, como Jaime Quintanilla e Ramón Villar Ponte, que naquel momento dirixían o diario El Correo Gallego, e rematou a súa andaina en 1923 durante a ditadura de Primo de Rivera.

Coa creación desta editorial pretendían divulgar as letras galegas, e para iso publicaron cada mes unha novela curta e contaron cos mellores escritores, pintores e debuxantes do país. Durante esta etapa publicaron un total de 16 libros, distribuídos en tres etapas entre 1921-1923. Trece deles levaban por subtítulo “novela mensual ilustrada”. Tamén publicaron poemarios e teatro traducido doutras linguas.

Lea también

Xunta, Ayuntamiento de Ferrol y Autoridad Portuaria trabajan unidos para crear suelo industrial en la zona de Mandía

El alcalde de la ciudad, José Manuel Rey Varela, y la conselleira de Economía e …