A alcaldesa de Narón asinou un convenio de colaboración coa asociación musical “Sementeira”

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación Cultural Musical de Narón “Sementeira”, Francisco Lois Ramos, asinaron no Concello un convenio de cooperación no eido da actividade musical entre o Padroado da Cultura de Narón e a citada asociación. O importe do convenio, en vigor ata finais deste ano, é de 55.500 euros, tal e como se especifica no documento.

Dende Sementeira impartiranse clases de solfexo e instrumentos de vento e percusión do primeiro ao quinto nivel, mantendo a actividade dunha banda de música con 35 integrantes como mínimo que realizarán doce concertos ao ano na cidade. Francisco Lois valorou a achega económica do Concello para continuar impartindo clases de música e tamén difundindo o traballo da banda de música da asociación.

Pola súa banda, Ferreiro trasladou ao presidente de Sementeira os parabéns polo traballo que realizan ao longo do ano dende a Escola de Música e as diversas agrupacións musicais que integran a entidade: a Banda Infantil de Narón, a Xove Banda de Narón e a Banda do Garaxe. “É unha satisfacción ver como unha agrupación musical como Sementeira, cunha traxectoria máis que consolidada dentro e fóra da cidade, continúa na primeira liña cultural, formando a moitas persoas e dando concertos que nos permiten desfrutar dese gran traballo”.

Lea también

Tres trabajadores de un taller mecánico resultaron intoxicados, en Xuvia, Narón

Sobre el propietario del taller había una orden de búsqueda y captura, por reclamación judicial. …