SonDaRúa e García MC actuarán en Fene no Día de Rosalía

Con motivo da efeméride do seu nacemento, o Concello de Fene lembrará a Rosalía de Castro o próximo venres 24 de febreiro cun concerto na praza do alcalde Ramón José Souto González.

O rapeiro García MC subirá ó escenario instalado a carón da Casa do Concello a partir das nove da noite para dar paso, ó redor das 22 horas, á actuación dos ponteareáns SonDaRúa, que visitan Fene no marco da súa xira de despedida. A entrada ó concerto será libre e de balde.

Con esta actividade, a concellería de Cultura de Fene súmase á conmemoración do Día de Rosalía no que ducias de institucións, concellos, centros de ensino, centros sociais e asociación de toda Galicia lembran á nosa escritora máis universal. Nesta ocasión, o Concello de Fene apostou polo rap en galego, como nova forma de poesía urbana, para homenaxear á autora de Follas Novas e Cantares Gallegos

SonDaRúa é un grupo de rap galego formado por Hugo Guezeta (MC), Alex Arnoso (MC, guitarrista e beatmaker) e That Bass (DJ). A formación nace a mediados de 2016 co lanzamento dos temas “Fóra” e “Estilo combativo” na plataforma YouTube.

En 2017 editaron o tema «En galego NON mola», co que conseguiron o primeiro posto na III edición do certame Novos Valores do Festigal, e tamén foron gañadores do Concurso Sonidos Mans do Festival Revenidas con «Estilo combativo», o que lles permitiu actuar nos dous festivais.

A principios de 2018 lanzan o seu primeiro traballo de estudo, Liberando mentes, un EP de 5 cancións editado tanto en formato físico como dixital. Posteriormente participan no single Cultura crítica da banda de metal NAO, xunto con Tanxugueiras.

Posteriormente, a mediados de ano, publican en todas as plataformas dixitais un álbum recopilatorio en forma de EP que leva por título SonDaRúa Classics, composto por reedicións de cancións antigas só subidas a YouTube que foran gravadas na casa polo propio Alex Arnoso.

En 2019 publican un novo videoclip para o sinxelo Voz da resistencia, que contaba cun dub instrumental do produtor Antxon Sagardui do colectivo vasco Crudo Bilbao.

En 2020 publican o seu primeiro LP, co título Eterno combate. Este traballo consta de 12 cancións e conta coas colaboracións de Ezetaerre, Skandalo GZ e Navia Rivas. Antes do lanzamento do disco xa se publicaran tres dos temas como sinxelos e co seu respectivo videoclip como adianto: «Éxodo», «Salsa galaica » e «Pontakas Antifa» 

Pola súa parte, García MC é un referente da música galega e da cultura hip-hop en Galicia. Antigo membro de grupos como Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks ou Ghamberros, dende hai máis de 15 anos, o artista exerce como pedagogo independente, impartindo obradoiros e cursos de rap para así crear conciencia e valores entre adolescentes.

No concerto de Fene García MC sorprenderá cun espectáculo innovador á fronte da NaciónQuilombo, unha banda que combina ritmos do mundo coa palabra como centro. O espectáculo ten un repertorio 100% en galego, cun set list cos temas do rapeiro realizados na nosa lingua.

DÍA DE ROSALÍA

O Día de Rosalía é unha das datas máis sinaladas no calendario cultural galego.  Incicialmente conmemorábase o 24 de febreiro pero, dende hai uns anos, a celebración pasou á víspera, logo de que a filóloga Sagrario Abelleira publicara uns documentos que acreditan que a autora naceu un 23 de febreiro de 1837.

O Día de Rosalía comezou sendo unha data festexada e revindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente, pasou a celebrarse noutros sectores máis amplos da sociedade galega, á par que acadou a confirmación institucional.

Lea también

Casi 2.000 visitantes pasaron este verano por la oficina de turismo de Neda

Casi 2.000 personas fueron atendidas durante este verano en la Oficina de turismo de Neda. …