A Deputación premia un traballo do CPI As Mirandas sobre a relación entre Ares e Cuba a través da emigración

CPI «As Mirandas»

A sede da Deputación acolleu a reunión do xurado do Premio de Investigación Escolar “Lazos Coruñeses con América Latina”, convocado pola institución provincial, que decidiu por unanimidade conceder o galardón ao traballo elaborado polo alumnado do CPI As Mirandas de Ares e titulado “Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble no noso pobo”.

 O xurado, presidido polo deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e integrado por María José Rodríguez Galdo, María Xosé Porteiro García e Micaela Fernández Darriba, valorou a calidade do traballo premiado, unha exhaustiva análise da longa relación entre Ares e Cuba a través da emigración.

 O presidente, Valentín González Formoso, trasladou a súa felicitación ao alumnado e o equipo docente do CPI As Mirandas “por un excelente traballo que contribúe a manter na memoria colectiva e dar a coñecer entre as novas xeracións a importancia que a emigración tivo e ten para Ares e para toda Galicia”.

 

O alumnado investigou sobre as razóns, o proceso e a pegada da emigración en Ares. Neste sentido, no traballo destácase o feito de que “En Ares temos que estar orgullosos de ter a primeira escola indiana de Galicia, e a segunda de España, impulsada, pagada e sostida polos emigrantes aresáns na Habana. Non foi unha escola, senón cinco, as que se construíron no Concello de Ares co capital e a ilusión dos nosos emigrantes”. A primeira escola foi a Alianza Aresana de Instrucción, seguida das escolas de Redes (A Tenencia), Escola de Nenas de Ares, Seselle e Cervás.

 O traballo premiado foi realizado por 7 alumnos e alumnas de 4° de ESO dentro da asignatura de Xeografía e Historia e en colaboración coa asignatura de Lingua Galega e tamén co Equipo de Dinamización Lingüística, a través do programa de fomento da Lingua Galega que se leva a cabo no centro. Os alumnos participantes foron: Geovanna Carvalho de Medeiros Correia, Luís Alejandro Crespo Oltra, Hugo Martínez Cortizas, Fabio Polo Leira, David Vila Villares, Iván Pena Dovale e Gonzalo Martínez Cauce. A profesora coordinadora do proxecto foi María do Rocío Pena Pena, profesora de Xeografía e Historia no centro educativo.

 O Premio de traballos de investigación escolar “Lazos coruñeses con América Latina” Premio LACAL) ten por obxectivo fomentar o coñecemento da historia da migración galega e a creación das comunidades galegas nos países de América Latina, dada a especial relevancia que este feito migratorio tivo e ten na provincia de A Coruña.  Tamén ten como finalidade o fomento, a través da implicación da mocidade, da recuperación dos lazos de unión, afectividade, coñecemento e colaboración coas comunidades galegas nos países de América Latina. O premio establécese para centros escolares con sede na provincia da Coruña.

 

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …