Que de cousas pasaron estes días. Como todos saben, de súpeto un día á hora de comer Esperanza Aguirre, a comandante en xefe da Comunidade de Madrid anunciaba a súa dimisión e o seu retiro da política activa. Ela, fundamentalmente, explicou que marchaba debido á súa saúde e a temas persoais. Se é así, perfecto. De tódolos xeitos, sorprendeume, sobre todo cando só uns días antes estaba dándolle guerra ata ao seu propio partido (e a Rajoy en concreto) con Eurovegas e a súa fábrica de ludópatas (estes católico-liberais como son… supoño que xogarán un pouco alí e logo rezarán o rosario para pedir o perdón de deus, iso si, cos petos ben cheos). En fin, adeus, lideresa…
Morreu Santiago Carrillo, o histórico ex-dirixente do PCE (como saben, fai xa moitos anos que o expulsaran do partido). Non serei eu quen defenda a súa vida e obra, xa que non estou de acordo con moitas da súas decisións, que supuxeron, en ocasións, un duro castigo para o seu propio partido. Iso si, agora que todos os partidos falan do espírito da transición, vou a facer unha pequena reflexión, que a entenda quen teña suficiente cabeza e moral para entendela (iso xa elimina a bastante xente, verdade?). Cando morreu Fraga, algúns xornais dedicáronse a recompilar os insultos que algúns soltaron nos medios sobre o ministro franquista/pai da constitución/presidente da Xunta. Non vin que fixeran o mesmo con Carrilo. Ai, ai, ai… mal, moi mal. Descanse en paz, en todo caso.
A Diada deste ano trouxo cola, non me digan que non, con todas esas proclamas independentistas. Eu creo, sinceramente, que cada nación ten que poder elixir o estado ao que quere pertencer e deume a impresión de que os cataláns xa elixiron iso fai tempo. Iso si, voulles dicir unha cousa. Están trabucados, os inimigos non son os españois. Pensar que os seus problemas financeiros se resolverán unha vez se independicen, tendo a xente como Artur Mas dirixindo o cotarro, é ir directos ao abismo. O inimigo, xa lles digo, non é en si España, senón o sistema económico. E non me ten a min pinta de que CiU vaia cambiar iso, verdade?
E por último, un chiste malo. Estaban un escocés, un alcalde do PSOE e unha placa franquista… Non, non me volvín tolo, aínda que o pensei cando lin a noticia. Resulta que en Ouviaño (Lugo), vive un señor escocés que se levaba moito tempo queixando da existencia dunha placa posta pola ditadura no ano 53. Non fai falta que lles explique o problema, xa saben que a Lei de Memoria Histórica esixe a retirada de todos eses símbolos fascistas,e como sei que vostedes son todos cumpridores da lei e bos cidadáns… Pois iso. Ao final, o escocés quitouna e o alcalde socialista do lugar denunciouno ante os tribunais. Ah, por certo, a placa reza “Reinando Francisco Franco…”. Amén, pensou un nostálxico. E logo mirou no xornal a ver cando carallo abrían o Eurovegas ese para botarlle unhas partidas.