O Concello de Narón conmemorou o Día dos Dereitos Humanos

O Pazo da Cultura acolleu na mañá deste venres o primeiro dos actos conmemorativos do Día dos Dereitos Humanos. A proxección da película “Valentina” foi a proposta inicial desta xornada, na que escolares de primeiro e segundo curso de Primaria de centros de ensino de Narón puideron ver esta película, protagonizada por unha nena con Síndrome de Down que quere ser trapecista.

A edil de Ensino, Mercedes Taibo, acudiu tamén a esta cita e posteriormente desprazouse ao Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros para ver as exposicións artísticas cedidas pola ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Cogami e Acadar, que se poderánver ata o día 30 deste mes. Taibo destacou o traballo das entidades e agradeceu tamén o traballo de Jessica e Quique, usuarios da asociación Nuestra Señora de Chamorro que presentaron a actividade do Pazo.

A programación continuou pola tarde, dende as 17.30 horas, no Auditorio municipal. A alcaldesa, Marián Ferreiro, acudiu para presenciar a ponencia do
escritor Ricardo Pérez Montero, alumno da Escola de Teatro de Narón que falou sobre a súa experiencia como escritor con diversidade funcional. A rexedora
local subliñou o labor que desenvolven as entidades que colaboraron na organización deste evento, co lema “Iguais na nosa diversidade”. “Un lema no que queremos reivindicar un ano máis a importancia de continuar traballando pola tan necesaria inclusión plena na sociedade de todas as persoas” recalcou
Ferreiro, que asegurou que “dende o Concello de Narón continuaremos avanzando conxuntamente coas entidades para acadar unha sociedade máis
xusta e igualitaria”.

 

Ás 18.00 comezou o concerto do grupo de música pop-rock Chungo Pastel, da Fundación Igual Arte, integrada por cinco artistas con diversidade funcional e trala súa actuación proxectouse o videoclip do making off de Eu Sumo, no que se recompila todo o labor realizado na campaña de sensibilización Eu Sumo por un mundo cheo de diversidade o pasado ano dende o Concello e diversas entidades. O concerto inclusivo de Marcos Mella pechou a programación conmemorativa do Día dos Dereitos Humanos.

O Concello organizou os actos xunto coas entidades Áurega, Cogami, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, Aspanaes, Alcer, ASCM, Aspaneps, Teima Down Ferrol e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

Lea también

Seitura 22 aprueba una ayuda para la ampliación del centro de Nuestra Señora de Chamorro

 La asociación de desarrollo rural Seitura 22 ha resuelto la convocatoria de ayudas Leader correspondiente a la anualidad de …