Narón abre este luns día 28 o prazo de solicitude das axudas para agasallos de Nadal

As familias con menores en situación de vulnerabilidade poderán solicitar vales de 60 euros. O prazo remata o próximo 19 de outubro.

O Concello de Narón, a través do Servizo Sociocomunitario, abre este luns, 28 de setembro, o prazo de solicitude das axudas destinadas á adquisición de agasallos de Nadal 2026, unha convocatoria que busca contribuír a que os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas do municipio poidan ter un agasallo nestas datas.

Poderán solicitar estas axudas as persoas empadroadas en Narón cunha antigüidade mínima de 6 meses, contados dende o último día do prazo de presentación de solicitudes, e que teñan ao seu cargo fillos e fillas menores que a 31 de decembro de 2026 teñan entre 0 e 16 anos. Para acceder á axuda, a unidade de convivencia da persoa solicitante non poderá superar o límite de ingresos anuais establecido en función do número de membros, tomando como referencia o IPREM anual vixente.

A contía da axuda será de 60 euros por menor beneficiario, e farase efectiva mediante a entrega dun vale que poderá utilizarse nun único establecemento comercial do termo municipal de Narón que acepte este medio de pago. Cos vales poderán adquirirse xoguetes, libros, roupa, calzado, artigos de deporte, material didáctico, instrumentos musicais ou material informático, quedando excluídos os produtos alimenticios, de limpeza e de hixiene. Os vales entregaranse a partir do primeiro día hábil de 2027 e terán o prazo de caducidade que neles se indique.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 15 días hábiles para presentar a súa solicitude, dende o 28 de setembro ata o 19 de outubro de 2026, ambos inclusive. Poderán facelo na sede electrónica do Concello de Narón, no Rexistro Xeral municipal, conforme ao modelo oficial, ou por calquera outro dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Coa solicitude deberá presentarse a documentación acreditativa correspondente, entre a que se inclúe o DNI dos membros maiores de idade da unidade de convivencia, o libro de familia ou certificados de nacemento, a declaración da renda ou documentación equivalente, e un resumo dos movementos bancarios dos últimos seis meses. As persoas perceptoras da RISGA ou do Ingreso Mínimo Vital (IMV) quedarán exoneradas de parte desta documentación, sempre que acrediten esta circunstancia na solicitude.

O importe máximo desta convocatoria ascende a 15.000 euros, con cargo ao orzamento municipal do exercicio 2027. A tramitación e resolución dos expedientes corresponderá ao Servizo Sociocomunitario Municipal e á Comisión de Valoración, e a concesión definitiva quedará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Lea también

Odeón activa la 5ª edición de la campaña ‘Re-Fashion’ con el objetivo de recoger ropa usada y donarla al CRS de Narón  

La 1ª planta del Centro Comercial Odeón de Narón, acoge desde este miércoles la campaña …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *