O Centro de Recursos Solidarios de Narón pon en marcha a Operación Quilo e busca voluntarios

A campaña recollerá alimentos e produtos de primeira necesidade os días 1, 2 e 3 de outubro no Concello e en oito supermercados do municipio. O CRS Narón necesita mans para os puntos de recollida.
 
 
O Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón presentou unha nova edición da Operación Quilo, a campaña solidaria de recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade destinada ás familias do municipio que máis o precisan.
 
O acto de presentación contou coa participación da concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e do presidente do CRS, José Manuel González. “Detrás de cada quilo de alimento hai persoas e familias concretas do noso municipio”, afirmou Lorenzo, “e por iso desde a área de Benestar Social imos seguir dando todo o noso apoio a este tipo de campañas. Convido a toda a veciñanza a botar unha man, xa sexa cunha achega ou co seu tempo como voluntariado”.
 
A campaña de recollida desenvolverase os días 1 e 2 de outubro no Concello de Narón e o 2 e 3 de outubro en oito supermercados do municipio: nos dous establecementos Lidl, no Centro Comercial de Narón, no Eroski da Gándara, en dous puntos de recollida situados na Cooperativa do Val, no Gadis da Estrada de Cedeira e no Migros de Xuvia.
 
Entre os produtos recomendados para a doazón figuran o leite enteiro, o aceite, as galletas, os garavanzos, a fariña, o azucre, a pasta, as lentellas, o cacao, as conservas de todo tipo, os produtos de hixiene persoal e de limpeza do fogar, e cueiros das tallas 4, 5 e 6, entre outros. Xunto coa campaña, desde o CRS lanzan un chamamento específico para conseguir voluntariado puntual de cara a estas xornadas de recollida.
 
Tal e como explicou José Manuel González, non é necesario ser voluntario ou voluntaria habitual do centro nin comprometerse con outras actividades. Abonda con dispoñer duns momentos ao longo desas datas para axudar nos puntos de recollida.
 
Trátase dunha boa oportunidade para quen nunca colaborou coa entidade e queira facelo por primeira vez, xa que unhas poucas horas de dedicación poden contribuír a reunir unha cantidade importante de alimentos para as familias beneficiarias.
 
«O voluntariado é o corazón desta campaña. Grazas ao compromiso de tantas persoas que dedican o seu tempo, conseguimos que ningunha familia quede sen o apoio que necesita. Animo a quen aínda non colaborou con nós a dar este paso, aínda que sexa só por unhas horas”, apuntou González.
 
As persoas interesadas en participar como voluntarias poden poñerse en contacto co Centro de Recursos Solidarios de Narón a través do correo electrónico crsnaron@gmail.com ou do teléfono 634 555 663.

Lea también

Narón amplía o prazo de solicitude de actividades educativas para os centros escolares

A oferta inclúe obradoiros no Muíño de Pedroso, visitas guiadas no CIMIX e programas de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *