Patrimonio urbano de Ferrol. Monumentos itinerantes, errantes e transhumantes

O Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) continúa os seus traballos sobre a Historia Grande e Pequena de Ferrol

Hoxe en día os espazos urbanos están sometidos a continuos cambios e transformacións. Tanto a falta de regulación como a improvisación de seu deseño
orixinan que se ocupe ese espazo por razóns dunha estética moitas veces politizada, mostrando a obra de determinados autores, moitas veces elixidos máis polo seu amiguismo e afinidade ao poder establecido que pola súa idoneidade.

A escultura, en principio de carácter conmemorativo, derivou a unhas obras oportunistas que ratifican a prepotencia do poder político de turno. Desde o centro da urbe á periferia prodigan en prazas e xardíns unhas obras escultóricas encargadas polos gobernantes, moitas delas non axeitadas e a veces auténticas ocorrencias, que chegan al delirio no caso dalgunhas rotondas circulatorias.

Neste escenario, Ferrol, xa desde tempo atrás, presenta o curioso fenómeno da itinerancia e a transhumancia dos monumentos públicos. Ao discorrer do tempo, varias obras escultóricas, estatuas e monolitos foron cambiados do lugar onde naceron, cando non desapareceron.

O Obelisco de Cosme Churruca

O Obelisco erixido na honra do mariño Cosme Churruca o ano 1812 no centro da Praza de Armas, naceu como una monumental fonte pública de catro caños. Construído por iniciativa de Francisco J. Abadín, Capitán General de Galicia, foi costeado pola Armada e levantado polo arquitecto municipal Miguel Ángel de Uría. Obra de boas proporcións e de notable equilibrio compositivo, foi trasladada o ano 1951 aos xardíns de San Francisco, perdendo a súa función de fonte.

Sobre un pedestal de máis de catro metros de altura se levanta o elegante obelisco que, contando o propio pedestal, alcanza máis de trece metros de altura. O fuste do obelisco, estriado e de sección decrecente en altura, remata cunha simbólica urna cineraria. Erixiuse na honra do mariño vasco Cosme Damián Churruca, morto ba batalla naval do cabo Trafalgar.

O busto de Casto Méndez Núñez

Un caso especial son os tres cambios de lugar aos que foi sometido o busto do mariño vigués Casto Méndez Núñez, unha escultura de bronce de corte naturalista e verista, unha obra do escultor santiagués Juan Sanmartín de la Serna, en recordo do seu destacado papel na Guerra do Pacífico do ano 1866

Foi erixido o ano 1893 na praza que precisamente levaba o nome de Callao, antes praza do Carbón. Comezado o século XX foi trasladado ao Cantón de Molíns. Recuperou a súa primitiva situación na praza do Callao o ano año 1995. Neste último traslado perdeu o seu pedestal orixinal.

A Fonte da Fama

A Fonte da Fama, obra de fermoso estilo neoclásico, construída o ano 1787 fronte á Porta do Dique do Arsenal ferrolán, tamén perdeu a súa finalidade orixinal de fonte de catro caños e uso público. Trátase dunha obra de autor descoñecido, amosando elegante verticalidade e decorada con catro escudos de pedra (España, Armada, Galicia e Ferrol) coidadosamente labrados, foi construída co aporte económico do Concello de Ferrol.

Trala súa remodelación a comezos do século XIX, a fonte foi trasladada o ano 1903 ás proximidades da Porta do Parque, perdendo a súa utilidade de fonte pública. A actual escultura de bronce que remata a obra foi colocada ao tempo do traslado. Representa a Fama, dotada de duas trompetas significando a boa e a mala reputación.

As estatuas de Marte e júpiter

A parella de estatuas de Marte e Júpiter, as esculturas públicas de pedra máis antigas de Ferrol, foron levantadas de orixe fronte á desaparecida Casa Consistorial, como adorno do entón Paseo das Delicias o ano 1863, tratándose dunhas obras elegantes dentro da súa sinxeleza, descoñecéndose a súa autoría.

Foron trasladadas o ano 1957, xunto cos seus pedestais, os amplos xarróns e os bancos de pedra serpentina, aos xardíns de San Francisco.
Desde fai algún tempo o conxunto trasladado atópase nun mal estado de conservación, a pesar do intento de reconstrución fai pouco tempo da estatua de
Júpiter, mentres que a estatua de Marte está practicamente destruída. Carecendo da cabeza. Igualmente os bancos de pedra serpentina e os xarróns atópanse totalmente descoidados.

 

Outros monumentos itinerantes

A artística Fonte Wallace, comprada polo ferrolán Juan Romero en París o ano año 1889, foi instalada de orixe na Praza Vella foi trasladada o ano 1950 ao Parque Municipal. Colocada centrando amplo estanque de forma octogonal, no grupo escultórico de remate destacan catro airosas cariátides soportando una cúpula.

O busto de bronce de Antonio Piñeyro, Hermano Mayor que foi do antigo Hospital de Caridad é unha obra do escultor Agustín López Miras. Foi levantado o ano 1925 no patio do devandito Hospital de Caridad colocado sobre un amplo pedestal, sendo trasladado aos xardíns do novo Hospital General de Caranza o ano 1974.


Os monumentos errantes
Seguimos con dous tristes casos de monumentos errantes. O monumento máis antigo de Ferrol unha das cruces galegas de pedra máis antigas é o Cristo da Tahona, coñecido ao largo de Galicia como o Cristo Errante. De volta do cemiterio cultural do monte Gaiás foi desterrado a unha esquinal do Centro Cultural, para finalmente ser levado ao Museo da Semana Santa, coa que pouco ten que ver.

O histórico escudo municipal de Ferrol que coroaba el antigo Consistorio del século XVIII, situado no Paseo das Delicias, despois de pasar por diversos lugares de desterro, hoxe continúa utilizado como floreiro na entrada do presunto Centro Cultural municipal.

Os monumentos desaparecidos

Como exemplo de monumentos desaparecidos en Ferrol, o monolito levantado dentro do Parque Municipal na honra do aviador Iglesias Brage, que foi inaugurado o ano 1954 coa súa presenza, desapareceu de forma vergonzosa cando o ano 1999 se construíu o novo Xardín Didáctico Aquaciencia.

Outros monumentos transhumantes

Máis casos de transhumancias e/ou desaparicións da vista pública. A estatua ecuestre de Franco, que foi a causa da conversión en Zona Cero do que no seu día era a Praza de España; o monumento aos Artilleros del Ejército, desaparecido da Avenida do Rei; o cenotafio dos Médicos de la Armada, situado no patio exterior del Hospital Naval; o artístico óleo do Descendimiento de Agustín Robles, colocado de orixe na capela do cemiterio de Canido; a imaxe de Cristo que estaba no fornelo da capela de San Roque.

Pódese seguir falando das catro estatuas que rodeaban a cúpula do Concello na Praza de Armas, colocadas o ano 1953 e hoxe desaparecidas. Do mesmo xeito, catro bustos situados nos óculos frontais do edificio do Concello foron trasladados ao Parque Municipal onde foron colocados sobre pedestais, xunto con outros bustos de nova feitura; varios deles desapareceron.

Monumentos retirados da vista pública

Durante anos, dous senlleiras esculturas de pedra, case xemelas, os chamados Leóns de Esteiro estiveron colocadas no exterior da entrada ao Museo de la Construcción Naval. Ambas obras serviron o século XVIII de bitas de amarre dos buques botados nas gradas do Apostolado do Estaleiro de Esteiro. Con bo criterio foron trasladadas ao interior do Museo de Herrerías.


O Peto de ánimas da igrexa de San Xulián, obra do século XVII procedente da antiga igrexa de Ferrol Vello, tamén foi trasladado desde o porta de entrada lateral a un corredor interior da concatedral. Da mesma forma que as esculturas dos Leóns de Esteiro, cando estaban no exterior, o peto servía de soporte para un cinceiro.

Monumentos extravagantes

Deixamos para o final que o intelixente lector adiviñe que personaxe nacido en Ferrol está representado neste enorme e extravagante busto de pedra e o lugar onde estivo instalado de orixe. Fai pouco tempo que un intrépido concelleiro de Cultura de Ferrol, tivo a ocorrencia de colocar este busto presidindo o patio principal do Centro Cultural da cidade.

Escultura pública de Ferrol
Co título de “La escultura pública de Ferrol” o ano 1995 Pedro Javier González publicou unha completa obra que estuda e cataloga máis de sesenta esculturas públicas da cidade. Este traballo do Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) ten unha débeda coa devandita publicación que lle foi de grande utilidade.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …