Este «finde» en Narón celébrase o «22º Oenach Atlántico» e a «Festa da exaltación da ameixa»

 
A vixésimo segunda edición do Oenach Atlántico celebrarase este sábado, día 30 de xullo, na parroquia de Sedes.
 
Esta cita festiva organizada dende o Padroado da Cultura, en colaboración coa AVV Rosa dos Ventos de Sedes, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e contempla numerosas actividades que se desenvolverán na campa do Trece ó longo do día.
 
Ás 11.00 horas comezará a recreación da vida comunitaria da época nun castro, donde non faltarán artesáns da cestería, da lá, do ferro e da madeira, que amosarán parte do traballo que realizaban na época. Así mesmo, habilitarase unha zona de xogos populares, nos que se poderá participar ata as 14.00 horas. Ó mediodía, ás 13.00 horas, dará comezo o concerto do gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, que interpretará na parroquia un adianto dalgúns dos temas do seu novo disco.
 
A maiores, ó longo da xornada, os veciños de Sedes cociñarán para os visitantes receitas tradicionais, como as bolas da sartén, bolos preñados e carne ó caldeiro. Pola tarde, de 16.00 a 19.00 continuarase recreando na campa do Trece a vida nos castros cos artesáns e tamén seguirán os xogos populares. Ás 17.00 horas comezará a actuación de Rilo e Penadique, que representarán a obra “Asdomare”, un espectáculo para público familiar que crearon na etapa do confinamento e que fala das mulleres do mar.
 
A programación deseñada para a xornada rematará trala representación prevista para as 22.30 horas no Castro de Eiravedra, donde terá lugar a tradicional “Noite do Castro”, coa representación da obra “O paxaro de Eiravedra”, dirixida por Laura Aneiros e a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que forma parte a directora desta peza.
 
Na xornada do domingo, día 31, celebrarase na parroquia de San Mateo a Festa de exaltación da ameixa. O Concello organiza este evento gastronómico en colaboración coa Asociación Veciñal de San Mateo. A iniciativa enmárcase no proxecto municipal “Narón mar aberto”, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da Unión Europea e subvencionado a través do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Golfo Ártabro Norte (GALP).
 
Para a ocasión cociñaranse uns 200 quilos de ameixa babosa, que se poderá degustar a partir das 13.00 horas baixo un toldo con mesas e cadeiras que se instalará na pista polideportiva de San Mateo. Os tickets poderán adquirirse o propio domingo, nun espazo habilitado na zona para tal fin, a un prezo de 12 euros para o menú de ameixas, bebida e pan ou de 6 euros para degustar paella, con bebida e pan incluído.
 
A maiores, tamén se poderá solicitar o menú completo, a base de ameixas, paella, bebida e pan, por 17 euros e por 2 euros máis ofrecerase café e bola doce. Así mesmo, nas instalacións da antiga unitaria de San Mateo poderase ver a partir das 11.30 horas unha exposición de traballos realizados durante o curso por veciños da parroquia. Haberá tamén exposicións artesás de coiro, mimbre, alfarería…, música en vivo e inchables de balde para os nenos.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …