Cursos en Narón para a obtención dos permisos de condución C, E e D

 
O Concello de Narón convoca un curso de Preparación para a obtención do permiso de C (camión) e E (tráiler) con CAP inicial de mercadorías e outro para o permiso de condución D (autobús) con CAP inicial de viaxeiros.
 
O prazo para inscribirse nestas dúas accións formativas abrirase o vindeiro luns, 1 de agosto, ás 8.30 horas e rematará o 8 de agosto ás 13.00 horas, tal e como anunciou a concelleira de Formación, Natalia Hermida.
 
A edil naronesa explicou que entre os requisitos do alumnado están para o de camión e tráiler ser maior de 21 anos e para o de autobús ter máis de 24 anos. En ambos casos é preciso ter en vigor o permiso de condución B, ter superado o correspondente psicotécnico, estar desempregado e empadroado no Concello de Narón.
 
Cada curso terá unha duración de 270 horas e impartirase na sede da Autoescola Anpidriver, na Gándara (rúa Concepción Arenal, 73, Narón) entre o 5 de setembro e o 17 de novembro, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.
 
Ofértanse un total de oito prazas para cada acción formativa, que comprende 130 horas teóricas presenciais para a preparación do CAP (do 5 de setembro ao 10 de outubro); 12 clases prácticas de condución de 45 minutos cada unha (incluídas as dos exames) e 110 horas de formación para a preparación dos permisos C, E e D (incluídas as de presentación ós exames oficiais).
 
A maiores, impartiranse módulos transversais de sensibilización en igualdade de xénero, medioambiental e de inserción laboral.
 
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro. Hermida explicou que serán de balde para o alumnado o pago das taxas de exames teóricos/pista e circulación para os carnés C, E e D e as taxas de expedición e exames teóricos do CAP inicial obrigadas por Tráfico (sen renovación, só unha convocatoria).
 
O alumnado deberá abonar os gastos derivados do psicotécnico e o requerido polo centro de exames, tal e como se especifica na convocatoria. As persoas interesadas deben presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello, de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica de Narón ou a través do resto de medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
 
Para obter máis información pódese consultar a web do Concello de Narón www.naron.es  a Sede Electrónica ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …