A veciñanza de Chanteiro reclama a reorganización do transporte público para poder acceder a servizos básicos e esenciais

A Asociación de Veciños de Chanteiro súmase ás reivindicacións promovidas por outros colectivos e administracións para contar cun transporte público de calidade na contorna de Ares.

A agrupación vén de remitir varios escritos dirixidos á Valedora do Pobo, á Conse- llería de Educación, á Consellería de Mobilidade e á Xefatura Territorial da mesma, e tamén á UTE Hércules Norte, empresa adxudicataria do servizo. Neles expón a situa- ción que están a vivir dende o cambio da empresa de transporte e a modificación de horarios e supresión de servizos que está a levar a cabo dita empresa.

Gravidade dos cambios

A asociación expón, en primeiro lugar, a gravidade dos cambios efectuados no servizo
que cubría a liña de Chanteiro, Cervás, Os Galgos, Maiobre, Lubre, Ares, Seselle, O
Raso e Redes, coa supresión de múltiples liñas ata contar unicamente cunha ás 07.00,
saída de Chanteiro e sen retorno. A comunicación e conexión desta veciñanza co
núcleo urbano de Ares, referencia na contorna municipal, é nula, imposibilitando
acceder a servizos de primeira necesidade a través do transporte público.
A práctica supresión de itinerarios impiden que os maiores, que xeralmente viven
dunha pensión e non poden costearse un servizo de taxi diario de ida e volta, poidan
realizar as súas actividades en atención médica, farmacéutica ou alimentación.
Considérase así que a situación actual afecta directamente a persoas con menos
recursos económicos, vulnerando os seus dereitos básicos coma cidadáns polo mero feito de vivir nun entorno rural e véndose incapaces de acceder a servizos e bens de
primeira necesidade, inexistentes no seu lugar de residencia, mais situados en Ares.
Deficiencias no transporte escolar

No transporte escolar

De igual maneira, a Asociación de Veciños de Chanteiro detecta claras problemáticas
nos traxectos do transporte escolar. O alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria vai ao CPI As Miradas, en Ares. A liña de servizo de transporte ao centro está sendo
deficiente dende primeiros de xaneiro, sufrindo tanto adiantos coma retrasos nos
horarios, incluso ausencia de servizo algún día. Ademais os autobuses non se
adecúan ás normas de seguridade, pois carecen de sistemas de retención ou cintos de
seguridade, o cal é inadmisible. O alumnado de Bacharelato acode ao IES de
Mugardos e non conta na actualidade cunha conexión de autobús co seu centro de
ensino público de referencia no horario lectivo, pois dende setembro non existe
ningunha frecuencia que cubra tal necesidade, coma si acontecía previamente coa
anterior empresa adxudicataria.

Con esta desconexión do alumnado, exponse a unha discriminación polo mero feito de vivir nunha zona rural, minguando os seus dereitos de acceso á educación pública ao non contar cun transporte de calidade.

Medidas urxentes

Toda esta situación leva á veciñanza de Chanteiro a solicitar medidas urxentes que
garantan unha adecuación do transporte ás necesidades reais da zona. Por unha
banda, pídese un servizo de autobús público de calidade que conecte Chanteiro e
Ares, ampliando notablemente a conexión actual tras a supresión unilateral de
itinerarios. Por outra banda, reclámase que o alumnado poida acceder aos centros
educativos sen ter que facer longas esperas a horas intempestivas ou, directamente,
ser trasladados polos familiares en vehículos privados ao carecer de servizo en
horarios lectivos.

A asociación considera, en esencia, que a reorganización do transporte público é
fundamental para impedir un deterioro da calidade de vida da veciñanza de Chanteiro
e a vulneración de dereitos básicos coma cidadáns; unha reorganización que podería
efectuarse “cun pouco de vontade por parte da empresa adxudicataria do servizo”.

 

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …