José Fonte Sardiña
Unha lenda atribúelle a Fernán Pérez de Andrade o alcume do Bo porque afirma que patrocinou e mandou construír ou rehabilitar nos territorios dos señoríos que o rei Henrique II (1369-1379) lle outorgara, importantes infraestruturas para o seu desenvolvemento económico, como sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais. O 19 de decembro de 1371, este monarca asina en Burgos un privilexio polo que lle concede “por muchos e buenos e leales e muy grandes serbiçios que nos fazedes e fezistes de cada día […], por juro de heredad para agora e para siempre jamas, para vos e para vuestros herederos e para los que vos vinieren, los lugares de la Puente d’Ume e Ferrol, que son en Galliçia […] e as freguesías de Narahío, Recemel, Ferreira, Mugardos, Ambroa e Vilachá”. Por mor doutro privilexio asinado en Burgos o 5 de xuño de 1372, concedeulle tamén o “señorío e terra de Vilalba” (tomadode Correa Arias: “Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social”, Noia, 2004, p. 242 e 261) (Sartego do Bo na igrexa de San Francisco de Betanzos).
Así e todo, Manuel Murguía afirma que o Bo, de quen di que a lenda se apoderou da súa vida e tendeu sobre ela unha poética trama, recibiu este apelativo porque, sendo aínda moi novo, cando o futuro Henrique II o Bastardo, o Fratricida ou o das Mercedes fuxía perseguido polo seu irmán, o daquela rei, Pedro I o Cruel ou o Xusticeiro (1350-1369), lle deu “refuxio na torre de Andrade. De alí pasou a Francia levando na súa compaña a Fernán, a quen o seu pai lle dixo ao partiren: ¡Sé bo, que bo compañeiro levas!, e de aí que fose coñecido despois con aquel alcume” (tomado e traducido de Manuel Murguía: Galicia, primeira edición 1888; citado pola edición de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1160). Sendo don Henrique conde de Trastamara, Lemos e Sarria, doáralle xa o 12 de abril de 1356 a Fernán Pérez de Andrade as freguesías de Santa María de Recemel nas Somozas e a herdade do Rego na freguesía de Santa María de Oleda (Correa Arias: Op. cit., p. 233 e 234) (Torreón de Pontedeume e retrato imaxinario do rei Henrique II, realizado no século XIX polo pintor José María Rodríguez de Losada e conservado no Concello de León).
Unha das prioridades de Fernán Pérez de Andrade, cando Henrique II lle concedeu os
señoríos polos favores recibidos, foi, xa que logo, construír unha rede de pontes que
unisen os seus territorios; entre Culleredo e Cambre, no Burgo, para atravesar o Mero;
entre Miño e Paderne, na Ponte do Porco, sobre o Lambre; na Ponte Baxoi para cruzar o río que lle dá nome; en Lambre, para pasar o río que bautiza ese lugar na parroquia de San Pantaleón das Viñas de Paderne; entre Pontedeume e Cabanas, para salvar a
desembocadura do Eume, a máis importante de todas elas; entre Sigüeiro e Santiago de Compostela sobre o río Tambre, onde lle engadiu un arco gótico á que xa había; ou esta de Xuvia, entre Narón e Neda para cruzar o río do mesmo nome que por alí baixaba (Debuxos de Fernando Sarmiento da ponte eumesa mandada realizar por Fernán Pérez de Andrade, recreados seguindo os rigorosos estudos realizados polo profesor Correa Arias, o seu mellor biógrafo).
Consonte refire Couceiro Freijomil, a ponte de Xuvia, “primitivamente construída por
Fernán Pérez, fora substituída por outra de madeira, ata remata-la actual, tamén
chamada de Arce, ‘reinando el Sr. D. Fernando VII, siendo protector el Sr. Martín de
Hombreiras, el año 1831’, segundo se le na inscrición dun dos peitorís. Tivera dereito
de portaxe, ata que, por orde do gobernador e capitán xeneral de Galicia, don Francisco Javier Abadía, datada en Santiago o día 5 de xuño de 1832, se suspendera a exacción desde o 1 de xullo seguinte. É de cantaría e de dous arcos, reforzados con sólidos diques, e fixa o termo da ría de Ferrol, ó pé dun pequeno peirao habilitado para unha moderna fábrica de tecidos” (Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume e a súa comarca, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, p. 136) (Foto de Carmen Rodríguez Pena).
Esta fermosa construción de cantaría, que une os actuais concellos de Narón e Neda, ten hoxe dous arcos de medio punto separados por un tallamar con forma semicircular, reforzado por un piar prismático, que tamén aparece nos dous estremos da ponte. Os peitorís son de ferro forxado e soporta tráfico rodado (Foto de Carmen Rodríguez Pena).
Rivadulla Conde, que tamén lle atribúe a súa primitiva construción a Fernán Pérez de
Andrade o Bo, pensa que a ponte orixinal, polo ancho do río, debería ter tres arcos. No
século XVIII atopábase nun estado ruinoso polo que fora substituída, como xa
aseguraba Couceiro Freijomil, por unha de madeira. En opinión de Rivadulla Conde, a
ponte de pedra fora reedificada por mandato de Fernando VII (1808 e 1813-1833) en
1831 (Cfr. Rivadulla Conde: ‘As sete pontes de Fernán Pérez de Andrade’, “Boletín do
Seminario de Estudios Mariñáns”, III, Betanzos, 1987, p. 71) (Foto de Carmen
Rodríguez Pena).
Conta a lenda que había nas inmediacións da ponte un lendario túnel secreto debaixo do río polo que algúns aseguran que cruzaban a Neda os frades do mosteiro de San Martiño do Couto, que se atopa ben preto, ou no que quizais se agocharon moitos anos despois os fuxidos da Guerra Civil (Foto de Carmen Rodríguez Pena).
Ben pretiño de alí están os muíños do Xuvia, que foron construídos en 1775 por dous
empresarios franceses. A súa moenda fornecía de fariña a Ferrol e comarca.
Posteriormente foron utilizados tamén para fábricas de papel, tecidos e laminados de
cobre (Foto de Carmen Rodríguez Pena).