Rubén Gasalla (*)
“Un novo contrato social”. Con este entusiasmo comeza a reforma laboral que vén de ser publicada fai un par de semanas. A frase figura na Exposición de motivos, a sección introdutoria chea habitualmente de terminoloxía legal aséptica . Nas dezaseis páxinas que a compoñen, case a metade do real decreto- lei, atopamos unha chea de calificativos que levan esta reforma a esa dimensión “planetaria”, que viría a reverter o debalo liberal da lexislación dos últimos corenta anos. Non sorprende esta redacción logo de escoitarmos ese longo preludio que a ministra Díaz levaba case dez meses a interpretar. O particular desta reforma, di a introdución, é que é a primeira gran reforma “que conta co respaldo do diálogo social.”
Deixando a un lado a retórica e indo directamente ao contido da reforma chegamos a unha conclusión: o diálogo social substanciouse nun monólogo de aspecto tripartito. Custa crer, á vista dos resultados dunha reforma cunha forte carga liberal, ese antagonismo escenificado entre patronal por un lado e goberno e sindicatos pola outra , pois “para esta viaxe non facían falta alforxas”. Ao estilo do dogma da Santísima Trindade, o diálogo social que conduciu a esta reforma semella que foi un e trino ao mesmo tempo, un milagre que ben merece unha entrevista co Sumo Pontífice.
A repetición ad nauseam do mantra do “diálogo social” non é unha invención nin da ministra Díaz nin do goberno socialdemócrata no que se enmarca. Atopa o seu fundamento e razón de ser nas teorías éticas de Jürgen Habermas, quen tentou adecuar a ética kantiana a unha sociedade con cada vez máis pluralidade identitaria e cultural. Sostiña Habermas que un consenso lexítimo debería basearse en dous
principios fundamentais: o recoñecemento mutuo entre os participantes do diálogo e a posibilidade de que as consecuencias do consenso puidesen ser aceptadas libre e voluntariamente polas partes afectadas. En resumo, aludía Habermas ao recoñecemento mutuo e á universalidade como garantes dese ficticio conseso, tan ficticio coma esas “condicións ideais do diálogo” que presupón. Non hai que negar a forza estética da súa proposta, que brilla, tamén en parte, pola inxenuidade que transpira.
A proposta habermasiana intégrase nunha tradición liberal e consensualista da ética e do dereito na compaña de outras formuladas por John Rawls ou Ronald Dworkin. O que resulta curioso aquí é que unha ministra chegada das coordenadas comunistas e sindicais acepte e propicie este consensualismo inxenuo.
Fronte a esas teses idealistas, sería máis propio de alguén con ese curriculum, e cun mínimo de experiencia nos conflitos de clase, pensar en propostas de tipo conflictualista coma a que atopamos en Rudolf von Ihering. Dicía von Ihering fai case un par de séculos que a loita polos dereitos era en si a loita polo Dereito. Fronte á defensa liberal e inmobilista da “evolución” natural da Xustiza e do Dereito, nocións que é perigoso confundir, falaba von Ihering da necesidade da “revolución”. Unha das súas frases máis coñecidas sintetiza a súa posición: “A loita polo dereito é a poesía do carácter.”
Mais o emprego do termo “diálogo social” é interesante polo xeito no que modifica a realidade á que alude. En primeiro lugar homoxeniza as partes, asumindo que patronal, sindicatos e goberno teñen cotas analogables de poder e de capital que sustente unha eventual confrontación. En segundo lugar reempraza o concepto de loita polo de consenso, o de revolución polo de evolución; eliminando a forte carga política que toda lei inclúe, implícita ou explícitamente. Tamén despolitiza o propio proceso lexislativo, que pasa de ser unha loita de intereses antagónica entre propiedade e traballo para converterse nunha conversa antropomórfica. Por último, e esta é trampa máis nociva, outórgalle unha forte carga de lexitimidade á lei resultante, blindada así contra críticas que poidan vir mesmo dende posturas de esquerda.
Esta lexitimidade artificial é a que nos dificulta criticar que esta reforma deixe intactos os puntos “máis lesivos” que prometía eliminar: os relativos ao abaratamento e facilidade dos despedimentos e á capacidade negociadora das forzas sindicais nos convenios. Os presuntos “cambios estruturais” que a reforma prometía resultan ser superficiais, ata o punto de que o propio expresidente Rajoy asume que á súa reforma só lle aplicaron “uns retoques”. A temporalidade vén a cambiar de nomenclatura xurídica, o tempo veremos se iso supón un cambio material ou se queda no cambio estatístico, e outras melloras só transcriben a xurisprudencia acumulada nestes anos.
Esta énfase no concepto de “diálogo social”, repetido ata trece veces en todo o texto legal, desvélanos o papel da “fala” nesta coalición. O seu discurso emotivista flue de xeito incesante e oculta a escuálida parte material das medidas ás que acompaña. Un discurso que continúa a conversión da política en emoción e da economía en psicoloxía (cando non directamente en coaching), que anega os nosos tempos de verbas coma “flexibilización” ou “emprendemento”. A esta forza emocional súmaselle un certo fervor de tipo relixioso, tan mesiánico coma maniqueo, que o amurallaría fronte ás críticas.
Ás veces, como no caso desta reforma, tal discurso non só non coincide coa parte material, senón que é claramente contraditorio a ela. Mais ante esta acusación de que o dito non coincide cos feitos este goberno de rostro xánico sempre pode responder, como o facía György Lukács citando a Fichte, “tanto peor para os feitos.”
(*)-Rubén Gasalla (Trabada, 1992). Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC no 2015. Retocador fotográfico en Pull&Bear. Antes diso experiencia en rodaxes audiovisuais galegas e fotoxornalista na Voz de Galicia.
Militante do BNG e delegado sindical da CIG nas oficinas de Pull&Bear en Narón.