O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou este xoves, día 23 de decembro, xunto con María Antonia Fernández, xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, e María Luisa Álvarez, directora xerente da Federación Nacional de Asociaciones Provinciales de Empresarios Detallistas de Pescados y Productos Congelados (Fedepesca) a imaxe do proxecto “Narón emprende en azul”.
A iniciativa, tal e como indicou Pita, suporá un investimento de 46.352 euros, dos que o GALP subvencionará 41.717 e o Concello aportará os 4.635 euros restantes. O Concello recibiu esta subvención da Consellería do Mar, ó abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.
Pita asegurou que se trata dun proxecto “moi ambicioso, que consiste na valorización do mar da costa de Narón en canto á promoción económica de empresas e o turismo máis o sector pesqueiro, para darlles esa diversificación e opción de sumar valor engadido ós produtos do mar”.
O edil naronés explicou que o proxecto consta dunha ampla gama de actividades que comezarán o vindeiro mes de xaneiro cun curso de Formación en Turismo Mariñeiro e outro da UNED de Experto profesional en comercialización de produtos da pesca, que se desenvolverán no local social do Alto no primeiro dos casos e online no segundo.
A xerente do GALP Golfo Ártabro Norte recoñeceu que “estamos encantados con este tipo de proxectos que van poñer sempre en valor o produto pesqueiro do Golfo Ártabro, neste caso para transformar e comercializar este produto”. María Antonia Fernández desexou que este curso teña gran aceptación entre as persoas ás que se dirixe e que saian moitos emprendedores deste territorio.
Pola súa banda, María Luisa Álvarez, de Fedepesca, valorou positivamente o feito de poder colaborar co Concello de Narón, “con moitas ganas de traballar pola cadea de valor pesqueira, cun proxecto ambicioso e do que en xaneiro abriremos o prazo para inscribirse no curso organizado en colaboración coa UNED”.
Sobre o mesmo explicou que se trata dunha formación acreditada de 400 horas a distancia impartidas por profesionais e que abarca “absolutamente todas as materias necesarias para desenvolverse con maior profesionalidade no ámbito da comercialización pesqueira, sendo o único curso que existe en Europa destas características, polo que é impresionante que o Concello ofreza quince prazas becadas”.
No referente ó Curso de Turismo Mariñeiro, Álvarez sinalou que “coñecendo as posibilidades que ten este concello, que pode presumir do seu desenvolvemento e da Rede Natura, a costa de Narón…. Poderá poñer en valor as actividades pesqueiras das confrarías da zona para potenciar o turismo mariñeiro”.
En colaboración coas Confrarías de Barallobre e Ferrol e da Asociación de Percebeiros de Meirás apóstase pola mellora da formación dos operadores pesqueiros para introducir novos produtos con valor engadido e ofrecerlles unha formación que lles permita diversificar as súas accións e emprender novas iniciativas. O Concello encargouse do deseño dixital da imaxe do proxecto para a súa identificación e promoción, tal e como se comprometerá, e o vindeiro ano desenvolveranse varias actividades, entre elas as dúas accións formativas anteriormente citadas.