SOS FERROLTERRA
Toda a comarca de Ferrolterra: os municipios de Ferrol, Eume e Ortegal estamos a sufrir unha situación límite, que non ten parangón noutras zonas do Estado. Padecemos unha taxa de desemprego que no 2020 acadou o 19%, catro puntos por riba da media galega, con especial fincapé no sector da industria onde os máis prexudicados están a ser, novamente, a nosa mocidade, por debaixo dos 30 anos e as
persoas maiores, mulleres e parados de longa duración.
A merma progresiva e sen tregua da poboación de Ferrolterra, onde menos meniños nacen e, ao tempo, onde a cidadanía está máis envellecida é consecuencia da destrución de emprego e da falla de oportunidades para vivir e traballar aquí.
Levamos moito tempo, anos e mesmo décadas, demandando solucións de futuro con
garantías para as nosas comarcas como quedou probado na folga comarca do pasado 10 de marzo en Ferrolterra; como sindicatos de clase temos a obriga de atender e canalizar o que a cidadanía , a clase traballadora de Ferrol, Eume e Ortegal precisa: horizontes de futuro para vivir e traballar na nosa terra.
Con todo, a realidade é que NON atopamos resposta nos que nos gobernan. Non hai
respostas nin propostas das Administracións as nosas eivas. ¿Onde está a
responsabilidade institucional con Ferrolterra? ¿Onde están as propostas, as axudas os proxectos logo destes seis meses de xuntanzas a todos os niveis? Como xa vimos tantas outras veces, somos testemuñas das liortas entre Administracións de distinta cor política que se adican a botar balóns fóra e culpas aos outros tratando de sacar rédito político dunha situación crítica.
E neste contexto, co sector naval, motor e corazón da nosa economía e comarca sen carga de traballo, co peche de Endesa, Gamesa, Noa e a concatenación de Eres e Ertes que estamos a padecer, e que van camiño de converter unha crise sistémica nunha
desertización industrial irreversible, cando nos vemos na obriga de reaccionar e actuar.
Cómpre obrigalos a que entendan e atendan o noso berro colectivo: que escoiten que
temos dereito a ter futuro. E que queremos telo. O 27 de xuño, as 11:30 fagámonos ouvir!! Enchamos xuntxs a Ponte das Pías!!