O BNG estivo recollendo sinaturas no parque de Freixeiro e nos vindeiros días continuará en Xuvia e na Gándara. Ante o anuncio do Goberno do Estado da baixada temporal do IVE na factura da luz a 10% e do Imposto de produción a 0% durante só 3 meses, o BNG considérao “claramente insuficiente”.
O BNG leva meses a reivindicar a baixada do IVE de 21% para 4% por ser a enerxía “un ben esencial”. Ademais, indica Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón “facemos un chamamento a eliminar da factura eléctrica os cargos e portaxes que non teñen unha relación directa co consumo eléctrico, como as primas ás renovábeis ou os custos extra peninsulares, que deberían ser asumidos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado como xa se fai noutros países”.
Desde a perspectiva nacionalista, pódense tomar medidas con carácter puntual mais “hai que abordar unha reforma estratéxica do sistema eléctrico” que pase por “nacionalizar as grandes empresas enerxéticas para que existan empresas públicas -no noso caso unha empresa pública galega- que poña a produción da enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico do noso país”.
Así mesmo, defende a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que, entre outras cousas, retire da factura dos galegos portaxes como a de transporte, dado que “somos produtores e excedentarios enerxía eléctrica”.