O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixe ao goberno local que cumpra e faga cumprir a ordenanza de normalización lingüística na xestión municipal e garanta «o respecto pola nosa língua e pola nosa toponimia«. Resulta «incomprensíbel» que o goberno municipal impoña sancións aos veciños e veciñas por incumprir as normas de circulación «e que as tramite incumprindo entre outras a Ordenanza Municipal de Normalización lingüística«.
O BNG pídelle ao goberno local que poña a mesma énfase «en facer cumprir a lexislación en materia lingüística que a que pon á hora de tramitar e recadar as sancións de tráfico aos veciños e veciñas«.
A empresa que xestiona o servizo de multas na cidade está a remitir sancións aos veciños e veciñas desta cidade «deturpando os topónimos e os nomes das rúas, empregando a súa denominacion en español, con casos tales como “calle de la Tierra” o “Cuesta de la Mella”».
Non é a primeira vez que esta cuestión é abordada na corporación municipal. Hai un ano o pleno municipal aprobaba, a proposta do BNG, unha resolución que instaba ao goberno local a esixir á empresa responsábel das sancións de tráfico a cumprir coa ordenanza municipal de normalización lingüística e desenvolver todas as notificación en lingua galega. Acordo plenario que, polo que se ve, o goberno municipal «non só esqueceu senón que mesmo acrecentou a súa desídia para coa nosa língua xa que a práctica totalidade da sinalética colocada na cidade nos últimos meses só se rotula en español.«
Para o BNG contrasta o «afán recadatorio do goberno local que triplicou a recadación por sancións de tráfico cunha desidia total por facer cumprir outras ordenanzas como é a de normalización lingüística«.