O BNG esixe reprobar aos gobernos da Xunta e do Estado pola crise da comarca

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha iniciativa ao pleno municipal en relación coa grave situación socio-económica da comarca. Na mesma, o BNG pide que o pleno de Ferrol reprobe ao goberno da Xunta e ao goberno central «pola situación actual da nosa cidade e da nosa comarca, pola falla de compromisos, de medidas de reactivación económica e pola negativa a atender às demandas formuladas na folga xeral do pasado 10 de marzo«. Así mesmo empraza a convocar no Concello «aos Presidentes, conselleiras ou ministras en quen deleguen co fin de manter un encontro cos grupos desta corporación para dar conta da situación da cidade e das medidas que teñen previsto implementar para a reactivación económica de Ferrolterra«.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, indicou que a situación da cidade e da comarca «é produto do maltrato permanente do Estado e da indiferenza da Xunta«. Do mesmo xeito asegurou que a sensación de frustración que existe na cidade «é a causa da complicidade que diante deste maltrato amosan os colaboradores internos na cidade do PP e do PSOE que xustifican o comportamento dos seus partidos desde Madrid e desde San Caetano

Rivas sinalou que o «baleiro e o silencio» que seguiu às xornadas de mobilizacións do 10 de marzo e 14 de abril «é a mostra máis evidente do desleixo do PSOE e do PP para esta comarca. Unha comarca que segue agardando a que por parte dos responsábeis directos dos gobernos do Estado e da Xunta se tome algunha medida e se aporte algunha solución.«

Para o BNG é «inaceptable» que, «despois de manter illada á cidade do resto do país mediante unhas infraestruturas ferroviarias de hai 100 anos, o presidente da Xunta e o ministro de transportes non comprometan un só euro para a súa renovación na reunión que mantiveron hai 3 semanas mentres que diante disto o Alcalde da cidade garda silencio e nos presenta un estudo fantasioso de 700 millóns de euros«.

É «inaceptable» que mentres Navantia «reduciu o seu plantel en máis de 1200 traballadores durante o ano 2019 o PSOE e o PP da cidade garden silencio diante deste proceso de reestruturación e desmantelamento do principal sector produtivo da cidade«. É «inaceptable» que diante do abandono dunha das nosas maiores riquezas medioambientais e económicas como é a ría, «acometendo recheos indiscriminados durante décadas e creando barreiras artificiais consentidas polo PP e o PSOE como o Peirao Carboeiro non se teña adoptado ningunha medida para paliar este deterioro acometendo a limpeza dos fondos de cara a súa rexeneración«.

Iván Rivas afirmou que o primeiro paso «consiste en romper con esta inercia e silencios cómplices co que os representantes da Xunta e do Estado se senten moi cómodos«. Por isto, pediulle aos representantes políticos locais que actúen «en función dos intereses da cidade e da comarca e non como cómplices das súas organizacións políticas

Rivas, demandou ao PP e ao PSOE que censuren de maneira unánime a «actitude e indiferenza mantida por parte do goberno da Xunta e do Estado para despois exixirlles que de maneira urxente nunha reunión cara a cara coa corporación municipal den unha resposta satisfactoria ás nosas demandas saíndo desta parálise na que a día de hoxe nos teñen sumido.»

Para o BNG compre exixir ao Estado e á Xunta «que adopten medidas inmediatas que rompan coa deriva actual e sirvan de punto de inflexión de cara o futuro«.

Lea también

Este viernes se puso en servicio un nuevo tramo de la Avenida de As Pías

El Delegado del Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, supervisó en la mañana de este viernes, …