O Concello retoma os obradoiros de portugués para escolares maiores de 12 anos e os amplía por primeira vez aos de 5º e 6º de primaria

Palacio Municipal | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol retoma os obradoiros de portugués avanzado nos centros educativos de bacharelato, ciclos formativos e ESO despois de que nos últimos anos non se celebraran, o pasado por mor da pandemia. A concelleira de Participación Cidadá, Cristina Prados, trasladou esta mañá aos grupos da oposición durante a comisión informativa da área que este ano ademais como novidade se estenderán aos escolares menores de 12 anos, é dicir, aos estudantes de 5º e 6º de primaria, cun material didáctico adaptado a estas idades.

Desde a concellería xa se trasladou aos centros da cidade toda a documentación referida aos novos obradoiros e os que desexen participar teñen de prazo para anotarse ata o 28 de abril no correo electrónico gnl@ferrol.es.

Tal e como explicou a edil, estes obradoiros de balde teñen entre os seus obxectivos o de “poñer en valor a nosa lingua galega como potencialidade para acceder ao mundo en portugués”. Os obradoiros dirixidos aos máis maiores inclúen 100 minutos de formación e serán impartidos por profesionais da Asociación Galega da Lingua.

No caso do dirixido aos estudantes de primaria, Prados explicou que se trata de “facilitar entre escolares de entre 10 e 12 anos a lectura de textos en portugués e proporcionar coñecementos sobre a súa ortografía descubrindo correspondencias co galego ao tempo que dinamizar a participación dos estudantes”. O material foi elaborado por Carlos Valcárcel, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e especialista no ensino e aprendizaxe de linguas.

Os obradoiros desenvolveranse entre o 10 e o 31 de maio en horario lectivo de mañá ou de tarde no caso de que o centro o solicite.

Un novo técnico de normalización lingüística

A concelleira tamén deu conta da concesión provisional dunha subvención de 15.000 euros solicitada á Deputación da Coruña para o reforzo do servizo de normalización lingüística do Concello a través da contratación dun técnico na materia por un período de doce meses.

Por último, Prados anunciou en relación á sétima edición do Certame Literario ‘Carmela Loureiro’ que tras reunirse telemáticamente o xurado o pasado 16 de abril concedéronse 9 primeiros premios (tablets) e 11 accésit (libros electrónicos). Os premiados daranse a coñecer nas próximas datas.

Na actualidade se está a preparar a publicación do libro con todos os traballos presentados e, se a situación epidemiolóxica o permite, celebrarase antes de rematar o curso escolar un acto publico de entrega de premios.

Lea también

La inscripción en Ferrol para participar en la cabalgata de los Reyes Magos abre este martes

Se ofertan un total de 80 plazas. Las personas interesadas deberán cubrir un documento que …