De Pontedeume a Redes, un marabilloso paseo pola beira do mar

José Fonte Sardiña

Cando eu era un neno, despois do longo curso escolar ―primeiro como parvuliño na vella Cátedra na que estudara o mesmiño arcebispo Rajoy e que hoxe acolle a Biblioteca Poeta Ramiro Fonte, logo no Agustín Tenreiro, no Pescador, no Couceiro e finalmente, xa un rapaz, no instituto eumés―, no verán, a ría de Ares, pola que navegabamos no noso caiuco, o Cariña de Rosa, era para nós unha segunda casa, e as penas do Soldado, A Macuca, O Mourón e As Mirandas as nosas principais referencias xeográficas.

Avisados polo dito popular de que o que pasou A Marola, pasou a mar toda, esta
quedaba decote fóra dos nosos límites (Foto de María José López Cernadas).

O Mourón

Navegando pola de Ares, aprendéronme fermosas lendas como a que asegura que as
catro rías que forman o golfo Ártabro naceran entre os dedos da man dereita da
divindade cando, despois da creación do mundo, o sétimo día, se botou a descansar; a
que conta como foron salgadas as augas do Esteiro do Eume; a das tres donas
transparentes, que enfeitizaron a vila de Pontedeume; a da Francesiña, que morrera ao pé da Ponte de Ferro; a do soldado, que afogara na pena da praia de Zopazos; a da serea da fonte encantada das Fragas do Eume, que hoxe seica vive no Mourón; a da serea das Mirandas, que casara cun fidalgo da liñaxe dos Mariño; a que desvela o motivo polo que o río Eume veu morrer nas augas do Atlántico e tantas outras; e tamén fun feliz nas súas praias, vendo de cando en vez os golfiños nadando ditosos pretiño de nós, pescando fanecas na Macuca, robalizas á cacea, luriñas coas poteiras e mesmo algún polbo, seguindo sempre os bos consellos do meu pai, o patrón maior do noso humilde Cariña de Rosa (Foto de Chuspi Veiga).

Navegar pola ría de Ares é unha auténtica regalía; así e todo, as vistas do mar desde
terra son tamén marabillosas. A andaina que vos propoño comeza en Pontedeume na
ponte de pedra e continúa polo actual paseo marítimo de Cabanas no que, antes de quese perpetrase o que eu chamo o “tambricidio”, había unha praia que os eumeses, con razón pero sen dereito, considerabamos nosa e as autoridades de Cabanas, con dereito pero sen razón, decidiron destruíla nos anos oitenta para poder eliminar o paso a nivel con barreira que había preto do Apeadeiro.

Coa lembranza do vello Tambre arrebatado, botamos unha mirada cara á ponte de
pedra, o castelo de Andrade e os caiucos da ribeira, e despedímonos da vila. Cruzamos
por debaixo da ponte do ferrocarril e camiñamos pola beira da praia da Madalena, coa
compañía do fermoso piñeiral, o espigón, a pena do Soldado coa imaxe da Virxe do
Carme en Zopazos, a pena da Macuca e a sombra protectora do Breamo, o noso monte sacro, en cuxa capela de San Miguel conta unha lenda, relacionada co rosetón da fachada principal, que se lles apareceu o Neno Xesús aos templarios que a custodiaban na Noiteboa de 1187.

Ao final da praia da Madalena, cómpre subir unha escaleira de madeira que nos conduce a un sendeiro que percorre toda a costa e pasa, entre piñeiros, carballos, castiñeiros e algún que outro intruso eucalipto, á beira mesma das praias de Chamoso, Río Castro, Almieiras, Coído, Río Sandeo ou Area Morta, xa na entrada de Redes, que aínda conserva as antigas cabrias onde os mariñeiros poñían a secar os seus aparellos que lle dan nome á fermosa localidade e ao seu pequeno porto.

Enfronte, vemos algúns barquiños navegando pola ría e o impoñente monte de Breamo, que mostra o porqué do seu topónimo ―Breamo vén do celta Brigamo, que se compón da forma brig, que significa monte ou lugar elevado, e o sufixo superlativo amo, que equivale a supremo, monte supremo ou moi elevado, xa que logo― e xustifica a existencia, xa en tempos prerromanos, do culto que recibiu dos pagáns o mesmo monte ou algún monumento que antigamente houbera na súa cima. Ao pé do Breamo, a visión da parroquia de Centroña e o seu templo faime lembrar aquela canción que o meu pai nos aprendera cando por alí pasabamos de nenos no Cariña de Rosa:Al pasar por Centroña, los marineros, / saludando a la Virgen, alzan los remos”; e así o facíamos nós, no caiuco, obedecendo o mandato da vella cantiga popular.

Ao chegar a Redes, esa marabillosa localidade mariñeira que tan ben teñen coidada o alcalde aresán, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e a concelleira de Turismo, a nosa paisana Lucía Blanco García, facemos primeiro unha paradiña na terraza portuaria para coller folgos e visitamos logo o seu miradoiro desde onde a ría de Ares nos volve agasallar con toda a súa beleza.

Xa co solpor, regresamos a Pontedeume polo mesmo camiño e despedimos como se merece o mítico Mourón, que nos fai lembrar novamente a lenda da serea que seica alí vive.

Lea también

Lecciones de España para Venezuela–(Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia Merece la pena volver al tema venezolano por la cantidad de parientes …

2 comentarios

  1. Unha verdadeira beleza a nosa ria, dende a bocana da ria de ferrol, deica Ares, Pontedeume e Miño ate achegar a Betanzos, pasando por Sada, e Bergondo, toda esa contorna, que parte da bocana da ria de Ferrol, deica a Marola,e dunha beleza sen par, e sobor de todo dende o ar, (avión) quen vexa esta ria po-la noite quedase merabillado da sua beleza sem par

  2. Completamente de acordo, Mcklay, o Golfo Ártabro é unha auténtica marabilla da natureza.