O BNG pide a convocatoria do Consello Escolar Municipal para abordar o inicio do curso

O BNG reunido coas ANPAS | BNG

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixe ao goberno local a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para abordar a situación dos centros de ensino e da comunidade escolar na cidade diante do inicio do curso no actual contexto sanitario, como consecuencia da covid-19, e as medidas a adoptar. Esta é unha das propostas recollidas nunha moción que será debatida no pleno do vindeiro xoves «e que pide amosar o rexeitamento ao Protocolo covid-19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galicia, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia«.

Así mesmo desde o BNG mantivose na tarde de onte un encontro con representantes dalgúns centros de ensino, da federación comarcal de Anpas de centros públicos e con representantes sindicais da cidade. Nesta reunión na que participaron representantes do profesorado, das direcións dalguns centros e das ANPAs analizouse a situación actual do ensino e «constaouse o rexeitamento ao Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21«. Unha proposta «que foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación«.

O protocolo da Xunta «está pensado exclusivamente para manter as apariencias e lonxe de resolver ningún problema provocará máis«. A Xunta de Galicia «exímese de toda responsabilidade delegando esta nos pais e nais, no profesorado e nos concellos e actúa de maneira rutineira como se aquí non pasase nada desenvolvendo un protocolo que cuestiona toda a comunidade educativa«.

Un protocolo «sen dotación económica que penaliza a calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e aos pais, así como aos concellos que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galicia, asuma ningunha delas«.

A alternativa para asegurar a reincorporación ás aulas dos nenos e nenas «é simple e pasa por dotar de máis profesorado e máis espazos que permitan cumprir cos requisitos de seguridade sanitaria baixando as ratios por aula e gardando as distancias que neste protocolo a Xunta reduce respecto das esixencias para o resto da poboación sen máis obxectivo que manter o número de 25 alumnos por aula. Un número de persoas que a mesma Xunta de Galicia, cando se trata de reunións sociais, que limita a un número de 10 persoas, considera situación de risco para a saúde«.

Estas son «vellas demandas da comunidade educativa diante da precarización do ensino durante toso estes anos e que hoxe se fan imprescindibles. Máis cando a habilitación destes espazos non supón ningún problema e cando existen numerosos e numerosas docentes preparados para dar aulas si a Xunta llo require«.

O BNG sinala que neste documento estabelécense «as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Estas medidas de limpeza extraordinaria esixirán realizar uns traballos nos centros educativos durante o desenvolvemento da xornada educativa que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte dos concellos«. Unha competencia «impropia que corresponde a Xunta de Galicia que leva anos sen asumir a súa responsabilidade e que agora nun contexto como o actual lávase as mans«.

«Debería ser polo tanto, a Xunta de Galicia, a administración con competencias en materia de educación e sanidade en Galiza, a que ten que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, que para o BNG non poden ser os Concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento«.

Na iniciativa do BNG tamén se pide que o Concello de Ferrol «se adira ao Manifesto da Confederacion Anpas Galegas Sobre o Inicio do Curso 2020-2021 e insta ao goberno local a recibir, escoitar e apoiar as demandas da Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAs de Centros Públicos (FEANPAs)».

O BNG pide esixir a Xunta de Galicia a «elaboración e financiamento do plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da covid-19, asumindo a totalidade do sobrecuste e emprazar á Xunta de Galicia a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021″.

Lea también

Ferrol mantiene las medidas de precaución ante el descenso del nivel del embalse de As Forcadas

El Concello de Ferrol mantiene las medidas de precaución para garantizar el abastecimiento de agua …