Despois de nove anos acreditada, a eumesa Ana Díaz Martínez, obtivo o pasado
dez de xuño, a cátedra de Dereito Civil pola Universidade de Santiago de Compostela, nun acto celebrado no Salón de Xuntas do Decanato da Facultade de Dereito, coa unanimidade do tribunal presidido polo catedrático de Dereito Civil Ángel
Rebolledo Varela, e no que os outros catro catedráticos de fóra de Galicia participaron
por videoconferencia por mor do coronavirus.
En xuño de 1990 Ana Díaz Martínez incorporouse á área de Dereito Civil da USC, onde leva case trinta anos de traxectoria académica con dedicación exclusiva, aínda que cunha actividade profesional simultánea durante máis de sete anos como maxistrada suplente da Audiencia Provincial da Coruña.
Froito do traballo na Universidade é o recoñecemento de catro sexenios de investigación e un de transferencia, e cinco quinquenios de docencia, así como dez tramos nos complementos de excelencia curricular docente e investigadora da Xunta de Galicia.
Coa tese de doutoramento comeza a desenvolver unha das súas liñas de investigación
máis destacadas, a propiedade horizontal, fundamentalmente desde a óptica do título
constitutivo, plasmada en dúas monografías, pero tamén noutros traballos, atendendo á perspectiva do comprador de vivenda como consumidor.
Outras materias das que se ocupou foron o Dereito sanitario ou biomédico, e o Dereito
de familia, en particular as crises matrimoniais e a protección de menores, con traballos difundidos en revistas especializadas e conferencias en foros profesionais.
Unha intensa labor investigativa
Publicou unha monografía sobre a execución forzosa de inmobles e o Rexistro da
Propiedade e outra sobre a herdanza xacente e a aceptación tácita, e participou nos
Comentarios a la LPH, dirixidos polo profesor Bercovitz na editorial Aranzadi, que vai
xa pola la sexta edición.
Publicou asiduamente con tres revistas xurídicas de referencia, a Revista Xurídica
Galega, Cuadernos Civitas de Jurisprudencia Civil e Aranzadi Civil, da que foi
colaboradora habitual.
Participou nos Comentarios al Código Civil, da editorial Tirant lo blanch, con máis de
400 páxinas, sobre o réxime xurídico do matrimonio e as crises matrimoniais, e nas
Modificaciones del CC de 2015, da mesma prestixiosa editorial.
Colaborou noutras revistas de prestixio, como Derecho Privado y Constitución ou a
Revista de Derecho Privado, e en obras colectivas, entre as que poden destacarse o
Tratado de la compraventa, o Panorama de Derecho sucesorio ou La extinción del
contrato.
Participou na dirección e a docencia en títulos propios enfocada a profesionais do
Dereito, fundamente avogados en exercicio, nos ámbitos do Dereito inmobiliario e de
familia e sucesións.
Formou parte do equipo de dous investigadores que elaborou o texto articulado do
anteproxecto que foi tramitado no Parlamento de Galicia e definitivamente aprobado
como Lei 4/2003, de 29 de agosto, de Vivenda.
Participou na proposta de novo Código Civil da APDC, no tocante á normativa
sucesoria e do contrato de servizos.
Colaborou con grupos de investigación das Universidades Murcia, Zaragoza, País
Vasco, Castilla la Mancha, onde participa desde 2014 como docente no Máster de
Derecho sanitario y bioética e no Máster de Actualización Jurídica para Notarios.
Fixo estancias de investigación nas Universidades de Coimbra e Perugia.
É avaliadora de traballos académicos en Derecho Privado y Constitución, Revista de
Derecho y Genoma Humano, así como membro do Consello de Redacción da Revista
Derecho, Empresa y Sociedad (REDS), da editorial Dykinson, do Comité científico da
Revista Bioderecho.es, do Centro de Estudios en Bioderecho, Ética y Salud (CEBES) da Universidade de Murcia, ou da Revista de Derecho Privado.
No ámbito do Dereito Civil de Galicia, estudou a retroactividade, ou non, da adquisición por usucapión da servidume de paso e afondou no estudo de institucións
como a adopción, a partición feita polo testador, en particular a conxunta dos cónxuxes, as relacións económicas das parellas de feito, na súa convivencia e na ruptura, así como a compravenda e o arrendamento na Lei de Vivenda de Galicia de 2003.
Colaborou na redacción de varias voces do Dicionario Xurídico Galego, publicado en
2011, e na obra Termos esenciais de Dereito civil, co propósito de fomentar o uso da
terminoloxía xurídico-civil en galego na Universidade e na Xustiza.
Desde a súa creación en novembro de 2016, é directora do Centro de Estudos Propios
da USC.
Foi vocal da Xunta Directiva da Asociación de Profesores de Derecho Civil e vicedecana de Estudantes e Organización Docente na Facultade de Dereito. Tamén coordina, con funcións de IP, o grupo de investigación “Familia y su patrimonio”, da Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Interuniversitario de Innovación docente en Derecho Civil INDODC.
Dende Galicia Artabra, desexamos a Ana Díaz, esposa do colaborador do noso dixital Xosé Fonte Sardiña, a millor traxectoria como flamante e merecida Catedrática