O Consello da Cultura Galega ofrece a obra de Miguel Brotóns, «Ferrol 1916» en homenaxe a Carvalho Calero (ver vídeo)

Con motivo do «Día das Letras Galegas» o Consello da Cultura Galega ofreceu unha primicia musical dedicada a Ricardo Carballo Calero obra de Miguel Brotóns e con letra do poema «Ferrol 1916″ do que é autor tan ilustre ferrolán.

«Ferrol 1916» é o poema escollido por Miguel Brotóns, aínda que alacantino ferrolán de adopción, compositor, profesor de música, vicepresidente da Sociedad Artística Ferrolá.

Brotons é un recoñecido autor , un dos seus últimos traballos foi o dedicado a «Gregorio Baudot-Armada Española«, entre as súas obras destacan unha ampla nómina dedicada a figuras relevantes da literatura galega de varias xeracións.
Brotons quixo transmitir baixo unha estética musical de corte neoclásico e posromántico con pinceladas de nostalxia, agarimo e tenrura, os recordos pretéritos do paraíso perdido da infancia do poeta vividos na súa cidade natal de Ferrol».

Ofrecemos esa obra interpretada pola soprano Patricia Rodríguez Rico e ao piano Alejo Amoedo Portela

FERROL 1916
«Cinco duros pagábamos de aluguer.
Era un terceiro andar, ben folgado.
Pola parte de atrás daba para o Campiño,
e por diante à rua de San Francisco.
No segundo vivia a miña tia aboa:
tiña unha peza cheia de paxaros disecados
que só abria os dias de festa
para que os nenos disfrutásemos nela.
Ainda vivia a miña nai
e todos os meus irmáns vivian,
e en frente traballaba o señor Pedro o toneleiro,
e a grande tenda de efeitos navais mantiña o seu trafego.
Na casa tiñamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia descobria eu unha illa.
Via o mar da miña fiestra,
e chegaban cornetas da mariña.
E baixaba os degraus duas veces ao dia para ir à escola,
e duas veces rubia-os de volta.
As mulleres entón usaban capa e corsé,
e íamos à aldeia en coche de cabalos,
e a rua estaba ateigada de pregóns de sardiñas
e de ingleses que vendian Bíblias.
Eu tiña un pacto con Deus:
que ninguén dos meus morreria.
E o pacto era observado,
e eu confiaba na perenidade do pacto.
Todo isto fica tan longe
que aduro podo ainda lembrá-lo.
Esqueceria-o dentro de pouco tempo
se non escrebese estes versos.»
RICARDO CARBALLO CALERO
Futuro condicional (1961-1980)

Lea también

Tras siete años de obras de rehabilitación la iglesia de Dolores abre sus puertas

La reapertura de la iglesia de Dolores después de siete años cerrada por obras es …